PODCAST. Aquí un libro-xoia en fondo e forma: ‘Mañana es tarde. Sin la Naturaleza no hay Sostenibilidad’

Pontevedra
30 de marzo 2025

A bióloga e divulgadora Mónica Fernández-Aceytuno aúna relatos de vivencias persoais con divulgación medioambiental non exenta de crítica e afán clarificador a partes iguais. Setenta capítulos encabezados cada un deles por un termo. Comeza coa 'Acción preventiva' e termina co 'Universo'

'Mañana es tarde'é o libro que publica a bióloga e divulgadora Mónica Fernández-Aceytuno PontevedraViva

Montivago, lunear, lubricán, arrebol, atalayar, columbrar, chapaleteo, rebalaje, espingaratar, bruar… son unhas poucas das moitísimas palabras que hai dentro de ‘Mañana es tarde. Sin la Naturaleza no hay Sostenibilidad’. "Déixoas como unha especie de guía do tesouro para apreciar mellor o que nos rodea" di Mónica Fernández-Aceytuno na charla que mantemos no podcast 'Cara a cara'.

E é que como explica esta bióloga e divulgadora, que reside nunha aldea de Oza-Cesuras desde hai trinta anos, "estamos unidos á natureza polas palabras. Todos os animais teñen unha linguaxe, pero ningún escribe, só nós. A palabra foi a que nos deu a ferramenta para avanzar máis aló do instinto. Temos que volver á natureza e si non sabemos nomear, non vemos. O recendo a mar apreciámolo, pero se sabemos a palabra maruxía, apréciase moito máis".

‘Mañana es tarde. Sin la Naturaleza no hay Sostenibilidad’ poderíase describir como un libro-xoia, en forma e fondo. No seu interior hai relatos de vivencias persoais con divulgación medioambiental non exenta de crítica e afán clarificador a partes iguais.

Un total de setenta capítulos encabezados cada un deles por un termo. Comeza con 'Acción preventiva' e o segundo, 'Acuífero' é un capítulo que conclúe cunha aseveración: Galicia necesita un renacemento e un milagre.

A que se refire?, responde: "hai un decálogo ao principio do libro e o máis importante é que sen persoas non hai sustentabilidade. A clave é respectar ás persoas, non se pode desprezar ás persoas que defenden o medio ambiente porque entón se está en contra da sustentabilidade. Se quen dirixen non entenden que as persoas son esenciais, para mañá será tarde tamén".

Percorrer estas páxinas é atoparse co maniqueísmo, ou empregando outro dos termos do libro, o greenwashing que existe coa 'agricultura ecolóxica'. Fernández-Aceytuno apunta que "hai que seguir o ciclo de vida dun produto porque nos venden como ecolóxicos produtos que realmente non o son. E gústame lembrar que en ecoloxía, até as solucións teñen consecuencias".

'Mañana es tarde' ten outra mensaxe paralela: "este é sobre todo un libro de amor. Mañá é tarde porque hoxe é o día de facer as cousas. Este libro está dedicado ao meu irmán Mariano que faleceu o ano pasado repentinamente e co que me ví grazas a que me insistiu en vernos. E diríallo a todo o mundo, se tes que dicirlle a alguén que lle queres, non esperes a mañá, dillo hoxe".

Mensaxe que extrapolado á natureza é "se querémola hoxe, xa temos que defendela con uñas e dentes porque, aquí en Galicia, con este paraíso, non podemos dicir mañá porque xa será tarde. É a política a que conforma as paisaxes, non a natureza. Imos darlles esa oportunidade e se son listos van facelo e endereitarán o rumbo cara a unha conservación da natureza".

Ministerio de Cultura. Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura Ministerio de Cultura