Lontreira, Dios Ke Te Crew, Sonoro Maxín ou The Skarnivals dan forma ao cartel do Armadiña Rock

Poio
29 de xuño 2024

O festival Armadiña Rock, que se celebrará en Combarro os días 26, 27 e 28 de xullo, segue dando pasos para completar a súa oferta musical para este ano. Ata once bandas e artistas fóronse sumando ao longo dos últimos días ao cartel do festival

Dios Ke Te Crew
Dios Ke Te Crew / Dios Ke Te Crew

O festival Armadiña Rock, que se celebrará en Combarro os días 26, 27 e 28 de xullo, segue dando pasos para completar a súa oferta musical para este ano. 

Ata once bandas e artistas fóronse sumando ao longo dos últimos días ao cartel do festival, que regresa tras un ano de ausencia e traerá cambios no seu formato.

Así, Dios Ke Te Crew, unha das bandas máis representativas do rap en galego, será un dos cabezas de cartel desta edición, xunto a Lontreira, Sonoro Maxín ou The Skarnivals, que fará soar a súa fusión de ska, punk e folk por última vez antes do seu parón definitivo.

En Combarro soará tamén o punk de Lisdexia, o punk-rock de Loita Armada, a música tradicional das Pandereteiras de Ronsel, Vides Novas e as Pandereteiras de Armadiña ou as sesións de Yaya DJ.

O espectáculo de maxia cómica "Rei Midas" da compañía Troula formará parte, doutra banda, da programación do Armadiña Kids, pensado para o público infantil. 

Ademais, haberá pasacalles a cargo, entre outros, de A Vacaloura Vermella e Los Queimatasas.

Todas estas actuacións sumaranse ás bandas A Quinkillada e Festicultores, as primeiras actuacións que se confirmaron para este Armadiña Rock 2024.