Los Enemigos, Riot Propaganda, Foxy Freire e Dakidarría completan o cartel do SonRías Baixas

Bueu
05 de xuño 2013

Celebrará a súa duodécima edición os días 2 e 3 de agosto con 20 horas de música, da man de máis de dez bandas de referencia na escena rock europea, española e galega. E entre as novidades, Los Enemigos, que durante case vinte anos foi unha das bandas máis importantes do rock español, e Riot Propaganda, que une dous referentes musicais e políticos como Habeas Corpus e Os Chikos do Maíz

Los Enemigos, nunha das súas últimas imaxes promocionais Spanish Bombs Management

O Festival SonRías Baixas xa ten completo o seu cartel. Celebrará a súa duodécima edición os días 2 e 3 de agosto con 20 horas de música, da man de máis de dez bandas de referencia na escena rock europea, española e galega. E entre as novidades, Los Enemigos, que durante case vinte anos foi unha das bandas máis importantes do rock español, e Riot Propaganda, que une dous referentes musicais e políticos como Habeas Corpus e Os Chikos do Maíz.

Ambas bandas súmanse aos xa anunciados Talco, banda destacada do último Viña Rock; The Toy Dolls, banda punk británica que marcou a toda unha xeración; Boikot, emblema do rock social español; e Rulo y La Contrabanda, o exitoso novo proxecto do líder de La Fuga.

A participación galega virá da man de Dakidarría, que celebrarán no SonRías o seu décimo aniversario sobre os escenarios; Foxy Freire, proxecto rockeiro dun grupo de músicos de renome no mundo do jazz; e das bandas gañadoras do I Concurso SonRías Baixas: as boirenses Agoraphobia e os pontevedreses Vortex e Qué desilusión! Pecharán as noites, tralos pratos, Faber e Cristian Domínguez.

Jordi Lauren, representante da organización, recordou este mércores na súa presentación que o SonRías Baixas é moito máis que un festival de música. "Non só ofrecemos concertos, senón unha fin de semana de ocio cultural e natural nun lugar privilexiado", explicou. E é que dentro do concepto de Experiencia SonRías, inclúen música, praia, gastronomía "e todo o que un público cada vez máis esixente precisa para pasar dous días inesquecibles, que os satisfarán plenamente".

Neste sentido, Lauren anunciou que, ademais da zona de acampada de As Lagoas, de acceso gratuíto ata completar aforo, este ano o público do Festival poderá reservar previamente a súa tenda de glamping, un servizo que ata o momento non se ofrecera en Galicia e que ofrecerá o SonRías Baixas en primicia. As tendas de glamping estarán montadas e listas para usar o xoves a partir das 14 horas e o prezo oscila entre os 60 euros que custa alugala unha persoa ata os 70 que custa alugala entre catro.

Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, incidiu tamén no concepto de "experiencia global" que ofrece o Festival e recordou que o recinto, o Multiusos da Estacada, se atopa no centro de Bueu, polo que o público do Festival ten fácil acceso a todos os servizos que pode precisar ao longo da fin de semana.

Félix Juncal salientou tamén o "beneficio colectivo" que o SonRías Baixas supón para todo o concello e recordou que se trata dun proxecto de base, que xurde da iniciativa dun grupo de mozos e mozas da vila e que se foi redimensionando ano tras ano ata chegar a ser a cita imprescindible que é na actualidade.