"Los saldos" de Raúl Capdevila estreará o sétimo Novos Cinemas, que dedicará o seu foco á lisboeta Susana Nobre

Pontevedra
24 de novembro 2022

A sesión de clausura de Novos Cinemas, o día 18 de decembro, correrá a cargo do cineasta arxentino Santiago Fillol, que virá a Pontevedra para presentar Matadero (2022), unha obra intensa sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa no 1974

A cineasta lisboeta Susana Nobre
A cineasta lisboeta Susana Nobre / Novos Cinemas

A cineasta lisboeta Susana Nobre será unha das grandes protagonistas da sétima edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre os días 13 e 18 de decembro. 

Será o primeiro monográfico dedicado á obra cinematográfica desta realizadora, guionista e produtora. No marco do festival poderanse ver varios dos seus filmes como O que pode um rosto (2003), Lisboa-Provincia (2010), Provas, Exorcismos (2015) ou No Táxi do Jack (2021).

A organización de Novos Cinemas destaca que a súa "é unha figura a reivindicar no efervescente panorama do cinema luso contemporáneo".

Autora de tres curtametraxes e cinco longametraxes, a realizadora compartirá cos asistentes a súa concepción do cinema e protagonizará un encontro aberto ao público no que falará da evolución da súa obra e amosará imaxes inéditas da súa última película, Cidade Rabat

O cineasta aragonés Raúl Capdevila, pola súa banda, inaugurará o festival o próximo 13 de decembro estreando en Galicia Los saldos (2022), a súa primeira longametraxe.

Na película, José Ramón Capdevila, o último de tres xeracións de labregos e gandeiros, recibe a noticia de que o seu fillo Raúl vai volver á casa despois de non atopar traballo na cidade.

Coa esperanza de encontrar algo mellor, ambos volven traballar xuntos na granxa, ao tempo que, na vila, se anuncia o desembarco do Grupo Pini, importante empresa do sector cárnico que quere construír un enorme matadoiro.

A sesión de clausura de Novos Cinemas, o día 18 de decembro, correrá a cargo do cineasta arxentino Santiago Fillol, que virá a Pontevedra para presentar Matadero (2022), unha obra intensa sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa no 1974.