Luis Piedrahita e o dúo Gala | Ovidio lideran un abril de moita cultura en Vilagarcía

O Salnés
01 de abril 2026
Actualizado: 14:46

A programación municipal inclúe o 50 aniversario do cineclube Ádega, a estrea do novo solo de Jandross e unha variada axenda de concertos no Auditorio e no Salón García

O dúo Gala e Ovidio
O dúo Gala e Ovidio / Gala | Ovidio

Vilagarcía de Arousa desprega este mes de abril unha axenda cultural que aposta pola diversidade de formatos e o apoio á creación galega. Desde o humor de Luis Piedrahita ata as matinais musicais no Salón García, a vila ofrece propostas que abranguen o compromiso social, a literatura premiada e o recoñecemento ao deporte local.

Unha das novidades destacadas da programación é o ciclo "Achégate ao Salón!", que propón concertos en horario matutino. O vindeiro domingo 26 de abril, ás 12:30 horas, o Salón García acollerá a actuación de Gala | Ovidio.

As entradas para este evento teñen un prezo de 12 euros para adultos e de 6 euros para menores de 16 anos e persoas desempregadas. Poden adquirirse de xeito anticipado en Ataquilla ou no propio recinto o día do concerto a partir das 10:30 horas.

A oferta musical complétase no Auditorio este sábado 11 coa Savoy Club Big Band, que presentará unha selección de boleros clásicos baixo a dirección de José Somoza.

Pola súa banda, o sábado 25, o escenario principal recibirá o humorista Luis Piedrahita co seu monólogo Apocalipticamente correcto, unha reflexión con retranca sobre o destino e a liberdade. Ese mesmo día, o violinista Alexis Cárdenas e o seu trío achegarán ritmos caribeños da man da Sociedade Filarmónica.

O cinema ten un oco fundamental este mes coa celebración do 50 aniversario do cineclube Ádega. O Salón García será a sede de varias propostas, comezando o mércores 8 coa película de Jim Jarmusch Father Mother Sister Brother.

A carteleira de abril inclúe tamén o drama chinés Ju Dou: Semente de crisantemo (día 15) e o documental Historias do bo val, de José Luis Guerín (día 22).

A programación audiovisual conecta co compromiso social o venres 10 coa proxección de Mocidade xitana contra o odio, un documental que forma parte dos actos polo Día do Pobo Xitano, que tamén contará cunha homenaxe floral e musical o mércores 8 na Praza de Galicia.

A danza chegará o sábado 18. Daniel Rodríguez presenta Transeunte, mentres que o sábado 25, o bailarín vilagarcián Alejandro Rodríguez "Jandross" estreará A noite do cuco, unha peza sobre o dó e a tradición.

No eido institucional, o venres 24 celebrarase a XXXIII Festa Local do Deporte, onde se dará a coñecer o mellor deportista de 2025.

A axenda complétase con citas literarias, como a presentación de As humidades, de Alba Tomé (Premio Illa Nova 2025), o sábado 11; e a exposición Espiral da cor de Menchu Lamas, que se poderá visitar na sala Rivas Briones a partir do 10 de abril.

Finalmente, a solidariedade veciñal retorna ao barrio do Piñeiriño o domingo 19 de abril co Solifest e unha xornada de actividades infantís e artesanía a beneficio da Asociación Amencer Aspace.