Luísa Sobral, unha 'Rosa' que brilla no Pazo da Cultura

Pontevedra
14 de abril 2019

A cantautora portuguesa, coñecida entre outras cousas por ser a autora da canción coa que o seu irmán gañou o festival de Eurovisión, foi a encargada este sábado de abrir a tempada do ciclo  Voices en Pontevedra

Concerto de Luísa Sobral no Pazo da Cultura Diego Torrado

Unha 'Rosa' pasou este sábado polo Pazo da Cultura de Pontevedra. Así se titula o último traballo de Luísa Sobral, encargada de abrir a tempada no ciclo  Voices.

A cantautora é unha das máis importantes en lingua portuguesa, coñecida por ser a compositora do 'Amar Pelos  Dois' co que o seu irmán Salvador gañou o festival de Eurovisión de 2017.

Sobral presentou en Pontevedra o que é o seu quinto álbum, que define como o máis "íntimo, maduro e persoal".

Trátase dun traballo con marcadas influencias do jazz pero no que as melodías e as palabras son as protagonistas.

O de Luísa Sobral foi a primeira das tres datas do ciclo Voices 2019, que terá continuación o domingo 19 de maio co pianista James Rhodes e pechará o 21 de xuño coa mexicana Lila Downs.