Fantasía, música, pirotecnia… e sobre todo moita diversión.
Itineranta xa está aquí e a animación ambulante das mellores compañías do país tomou as principais rúas e prazas do centro histórico de Pontevedra.
Centos de persoas non quixeron perderse a estrea desta nova edición do festival de animación de rúa que, un ano máis, fixo as delicias de grandes e pequenos.
Desde a Praza da Ferrería, a Praza da Peregrina e a Praza de España; ou desde Santa María, o Liceo Casino e Curros Enríquez, apenas quedou espazo vetado para o sorriso.
A inauguración de Itineranta estivo protagonizada polos excéntricos bombeiros de Les Pompiers da compañía catalá Cía La Tal.
Tras eles, o público puido gozar dos personaxes dos anos 60 e 70 interpretados polos zaragozanos K de Rúa que, con traxes da época e bailando ao son da música funky, paseáronse en zancos e a pé por Pontevedra.
Aínda que, sen dúbida, o espectáculo de maior impacto foi o dos valencianos Pyros Espectáculos, que combinando teatro físico, lume e holografías reais, mergullaron á Boa Vila nun mundo postapocalíptico marcado pola sede.
Itineranta vivirá este xoves a segunda do seu tres xornadas.
Polas rúas e prazas do centro histórico desfilarán o extravagante Seat 600 de Carman, de Javier Ariza; ou a carreira de bicicletas excéntricas que protagoniza a compañía valenciana de circo La Finestra no espectáculo Pilots.
La calle es nuestra dos cataláns Drinking Marching Band coa súa mestura de música de alta calidade e gags surrealistas e o espectáculo musical e pirotécnico Su Talka, da compañía vasca Deabru Beltzak, completarán a programación.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.