O ciclo Voices volveu este venres ao Pazo da Cultura de Pontevedra con Maika Makovski, que presentou o seu sexto disco, Chinook Wind, acompañada do Brossa Quartet de Corda, unha formación coñecida por levar a escena pezas musicais que, no seu momento, foron contra o canon e, incluso menosprezadas.
Makovski presentou en Pontevedra un disco que chegou tras catro anos sen gravar e como colofón a unha etapa marcada por incursións no mundo do teatro, un tempo no que tamén actuou e compuxo música.
Este regreso de Maika Makovski pon sobre o escenario unha artista con enerxías renovadas, un volcán de dimensións únicas na escena rock nacional que volve para rockear menos cun disco magnético, turbio e doce ao mesmo tempo.
Xunto a Maika Makovski, voz e guitarra, no escenario en Pontevedra estiveron Marçal Ayats Mialet co violonchelo; Pau Valls Teixidó, coa trompa; Inmaculada Lluch Revert, coa viola; Aleix Puig Caminal, co violín, a mandolina e os coros; Pere Bartolomé Valls, co violín; e José Antonio Mula Forné á batería.
Maika Makovski é unha estrela fascinante, unha rara avis… E esa é precisamente a maxia dunha personalidade imposible de encasillar e unha sensibilidade inspiradora, un caso único de artista total... Chinook Wind é unha selección de cancións que Maika Makovski, de nai andaluza e pai macedonio, compuxo tras regresar dunha viaxe a Macedonia na que explorou a fondo directamente nunhas raíces que ata daquela só coñecía dende a distancia.