Máis de 300 propostas chegarán ao Salón do Libro a ritmo de paz

Pontevedra
25 de febreiro 2026
Actualizado: 16:59

Baixo o lema 'Que non pare a música!' e co foco na solidariedade con Palestina, esta edición ofrece 19 estreas mundiais e o Orbil Fest, primeiro festival musical para a infancia

Demetrio Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e Orbil, a mascota do Salón do Libro
Demetrio Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e Orbil, a mascota do Salón do Libro / Cristina Saiz

Este mércores presentábase a programación completa da XXVII edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha cita que, en palabras do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, "bota a casa pola fiestra" con máis de 300 actividades.

Do 6 ao 22 de marzo, o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral transformaranse no espazo onde a música e a literatura van unirse para reivindicar a esperanza, especialmente para as crianzas de Palestina, país convidado neste 2026.

O lema deste ano, "Que non pare a música!", non é unha simple declaración de intencións. O Salón encherá as súas salas de ritmos e propostas para todos os públicos con actos destacados como:

  • 4 de marzo: Gala inicial "Cultura contra a barbarie" no Teatro Principal, organizada por Pallasos en Rebeldía coa participación entre outros de artistas como Mago Teto ou De Ningures.

O prezo en venda anticipada das entradas é de 8 euros. Na billeteira, o prezo será de 10 euros. Os fondos irán destinados a Pallasos en Rebeldía para as súas actividades en Cisxordania.

  • Acto inaugural o 6 de marzo con Píscore e o Coro do IES A Xunqueira 1.

  • Orbil Fest (Sábado 14): A gran novidade desta edición será o primeiro festival de música deseñado especificamente para a crianza. Cun cartel "que racha coa pana", segundo Demetrio Gómez, contará coa Banda de RockLab, Trepia, Pakolas e, como gran estrea en Pontevedra, A Banda dos Insectos.

  • A Orquestra Sinfónica de Pontevedra ofrecerá os días 12 e 13 de marzo o espectáculo Pedro e o Lobo. Aínda que as sesións matinais para escolares xa teñen as prazas esgotadas, o venres 13 haberá unha función aberta ao público no Auditorio.

  •  O Salón tamén pensa nos maiores. O venres 13 celebrarase un obradoiro de baile e unha foliada, ademais do encontro de clubs de lectura que contará coa participación de Mondra, referente da música galega actual que conecta co público adolescente.

  • A clausura virá da man de Uxía Lambona e a Banda Molona, mentres que artistas como Sés (sábado 14) presentarán concertos creados en exclusiva para o certame.

A elección de Palestina como país convidado marca o carácter ético desta edición. O Salón quere ser unha fiestra á súa rica literatura e gastronomía, pero tamén un altofalante contra a guerra.

A través de entidades como Galiza por Palestina ou Pallasos en Rebeldía, recadaranse fondos para a axuda directa.

O obxectivo principal é apoiar o traballo de CreArt, unha organización centrada na rehabilitación emocional das crianzas palestinas.

A través de programas de arteterapia e apoio psicopedagóxico, esta entidade busca reparar os traumas causados polo conflito, devolvéndolles ás nenas e nenos un espazo de xogo e seguridade.

Destaca a exposición 'HeArt of Gaza', que recolle memorias e debuxos de menores palestinos.

O Salón volverá ser participativo por diferentes espazos. Entre as actividades máis atractivas deste ano destacan:

  • O xogo da 'Orbil Parede' preséntase como unha proposta que levará a ilustración de Kiko da Silva por toda a cidade, coa intención de converter as rúas de Pontevedra nun taboleiro de xogo interactivo.

  • Lookface e Troca de Libros: Haberá un fotomatón para que os visitantes creen o seu propio "lookface" e, debido ao éxito de anos anteriores, o espazo de troca de libros, o día 15, ocupará agora todo o Recinto Feiral para evitar aglomeracións.

  • O 20 de marzo entregarase o prestixioso Premio Lazarillo, coincidindo co Día da Narración Oral, e o 21 celebrarase o Día da Poesía cunha xornada dedicada aos versos e ás tres sesións líricas de Bonnie Cooper.

O Salón 2026 destaca pola súa capacidade de innovación no escenario nesa edición con 19 estreas mundiais, entre as que destaca o espectáculo de Pista Catro "Premio Nacional de circo do 2025". Será o sábado 7 de marzo no auditorio.

Para o público máis novo, o Colectivo Xurelo estreará o sábado 7 a sesión Contos por Palestina.

Pola súa banda, os adolescentes e adultos terán o seu espazo con encontros de clubs de lectura que o venres 13 contarán coa visita do recoñecido artista Mondra.

Demetrio Gómez, Orbil e o alcalde de Pontevedra cun instrumento con motivo da presentación do Salón do Libro
Demetrio Gómez, Orbil e o alcalde de Pontevedra cun instrumento con motivo da presentación do Salón do LibroCristina Saiz

Para evitar as aglomeracións doutras edicións, o popular espazo de troca de libros trasládase integramente ao Recinto Feiral, ocupando un espazo máis amplo para garantir a comodidade de todas as persoas interesadas en participar.

Para garantir que ninguén quede fóra, o Concello estableceu un sistema de reservas a través da web salondolibro.gal. As prazas para as actividades de fin de semana abriranse o mércores previo a cada cita.

Para os eventos de pago, as entradas están dispoñibles en Ataquilla.com 

As actividades na web que abren este mesmo mércores 25 serán as correspondentes á fin de semana do 7 e 8 de marzo.

O mércores 4 abrirán as da finde do 13,14 e 15 e o mércores 11 estarán dispoñibles ás do 19, 20, 21 e 22.

A organización advirte que as prazas en que sexa necesario realizar reserva en eventos gratuítos que non se ocupen dez minutos antes do inicio serán cedidas ás persoas que agarden fóra, para que ningún espazo quede baleiro ante a altísima demanda.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora