O sábado 7 de marzo, dentro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, chegará a xornada de mediación lectora "Moito por ler!".
É unha iniciativa que promete unir autores, bibliotecas, librarías e lectores nun mesmo espazo para falar, reflexionar e crear comunidade ao redor do libro galego.
A presentación tivo lugar este martes, co concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, acompañado de Cristina Juncal e Carlos Blanco da Fundación Xistral. O Salón do Libro leva máis de 25 anos facendo ler á rapazada e agora, segundo o edil, "queremos darlle un paso adiante".
"Queremos mediar entre o libro e quen quere lelo, tecendo redes que fortalezcan a cultura galega", explicou, agradecendo o apoio da Fundación Xistral e do seu proxecto M8PORLER, unha plataforma dixital que busca visibilizar e dignificar o libro en galego.
Cristina Juncal, presidenta da fundación, destacou a dimensión cultural e emocional da iniciativa indicando que "Xistral naceu do amor pola nosa lingua e cultura, para defender un patrimonio único que necesita ser preservado e compartido. Queremos que a lectura sexa unha experiencia aberta, creativa e accesible, sen depender de criterios de mercado".
Carlos Blanco centrouse na plataforma M8PORLER, un espazo interactivo pensado como rede social do libro galego.
"Só un 8% dos libros vendidos en Galicia están en galego", explicou Blanco, "e a nosa idea é crear unha comunidade onde autores, lectores e editoras poidan conectar, compartir listas, recomendacións e todo o que se publica desde hai uns anos".
A xornada estrutúrase en tres mesas principais.
A primeira é "A lectura como lugar de encontro", con clubs de lectura escolares e xuvenís, escritoras como Susana Arins, e coordinadoras de clubs de lectura de mulleres.
"Onde hai unha biblioteca hai unha luz", será unha mesa centrada nas bibliotecas públicas e escolares, con representantes da Coruña, Rianxo, BAMAD e Bibliofogar.
E "Tecer lectura en rede(s)" proporá unha conversa con booktubers, bookstagramers e divulgadores literarios que amosan a literatura galega nas redes sociais.
O peche da xornada correrá a cargo de Manuel Bragado, cunha palestra sobre a necesidade da mediación lectora, seguida dun espazo para o intercambio, unha regueifa literaria a cargo de O Rabelo e petiscos para acompañar a charla.
Os asistentes tamén poderán participar nunha visita guiada polo Salón do Libro, considerado un proxecto de mediación lectora referente a nivel estatal.