Máis de 600 persoas enchen o Mosteiro de San Xoán para gozar dunha gala lírica

Poio
21 de agosto 2024

O recital 'Querida Montserrat, Querido Luciano' segue a percorrer municipios das Rías Baixas e no Concello de Poio volveu acadar o éxito poñendo o público en pé despois de interpretar pezas tan significativas como 'O Sole Mío', 'Ave María' e temas populares como 'Hijo de la luna', 'Libre' ou a versión de 'Negra sombra', baseada no poema de Rosalía de Castro

Público no recital lírico

Máis de 600 persoas asistiron este martes 20 de agosto ao Mosteiro de San Xoán en Poio para presenciar un recital lírico en homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti.

A cita inclúese dentro da xira que se desenvolve polas Rías Baixas do espectáculo 'Querida Montserrat, Querido Luciano'.

O concerto, que durou dúas horas, contou coa actuación de Montserrat Martí Caballé, que cantou en recordo á súa nai, e de Simona Todaro Pavarotti, que homenaxeou ao seu tío.

Ambas estiveron acompañadas polo barítono Luis Santana, a soprano lixeira Dolores Crespo Abuin e o pianista Víctor Carbajo.

O evento, celebrado na igrexa do Mosteiro, espertou o interese tanto de veciños de Poio como de visitantes doutros concellos da provincia.

Interpretáronse fragmentos de coñecidas óperas, zarzuelas e cancións populares como 'O Sole Mío', 'Caruso', 'Ave María' e temas moi populares como 'Hijo de la luna', 'Libre' ou a galega 'Negra Sombra' de Rosalía de Castro.

O alcalde Ángel Moldes cualificou de "excepcional" o evento.

Moldes agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra e do Mosteiro de San Xoán por promover actividades culturais que, afirmou, contribúen a facer de Poio un concello atractivo para os amantes da música.