Non era un ano máis do concerto "man a man" entre as dúas bandas de música máis significativas da comarca de Pontevedra. Nesta ocasión, a Banda de Música de Salcedo cumpría 30 anos de existencia cunha saúde envexable e así demostrou a súa calidade no concerto ofrecido durante este luns na praza da Ferrería nunha cita tradicional nas Festas da Peregrina, na do san duelo musical coa Banda de Música de Pontevedra. O público ocupaba os asentos con antelación ás nove da noite, hora na que estaba previsto o inicio do concerto. Nesta ocasión, a posta en escena cambiou respecto a outras edicións. As Bandas interpretaron os seus programas situadas de costas ao convento de San Francisco e á Peregrina, cunhas telas de fondo. Ademais, os intérpretes, como xa é habitual nesta cita, non se atopaban sobre un escenario senón sentados nas súas cadeiras a ras do chan, á mesma altura que os espectadores. Ámbalas bandas interpretaron ademais de pezas clásicas, obras contemporáneas que fixeron gozar ao público asistente, un ano máis.