Manel pecha en Pontevedra a xira do disco 'Per la bona gent'

Pontevedra
06 de novembro 2022

Á terceira foi a vencida. Tras dous intentos previos, que tiveron que ser aprazados pola pandemia, o público pontevedrés puido ver por fin en directo á banda catalá Manel. A xira de 'Per la bona gent', o disco que editaron en 2019, recalou esta fin de semana no Pazo da Cultura

Concerto de Manel no Pazo da Cultura Cristina Saiz

Á terceira foi a vencida. Tras dous intentos previos, que tiveron que ser aprazados pola pandemia, o público pontevedrés puido ver por fin en directo á banda catalá Manel.

A xira de Per la bona gent, o disco que editaron en 2019, recalou esta fin de semana en Galicia, para recuperar as datas suspendidas hai xa dous anos. Foi con senllos concertos en Ferrol e, o último este sábado, en Pontevedra.

Centos de persoas encheron as butacas do auditorio do Pazo da Cultura para asistir a esta esperada actuación, que formaba parte do ciclo musical Voices.

Neste concerto, a formación integrada por Guillem Gisbert, Martí Maymó, Roger Padilla e Arnau Vallvé ofreceu tanto os seus últimos temas como un repaso á súa extensa discografía.

Os seus temas, integramente en catalán, fixeron as delicias do público, poñendo o broche de ouro a esta minixira galega da banda de Barcelona, que debutou no mercado musical alá por 2008.