A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra acolle a exposición "Manuel Rodríguez López 2.0", unha mostra que percorre a vida e obra do escritor de Paradela, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX.
Durante a presentación participaron Isabel Couselo, Directora Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Pontevedra; Pilar Ruiz, directora da Biblioteca Pública; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria, entidade que promove esta iniciativa xunto con GaliciaDigital e a familia do autor.
Esta nova versión da exposición substitúe á anterior mostra itinerante que, desde 2013, percorreu máis de 20.000 quilómetros.
Durante o seu percorrido visitou numerosas localidades galegas, centros culturais en Madrid, universidades como Granada, Deusto e Estremadura, e centros galegos de diversas cidades españolas, chegando tamén a Portugal.
A exposición consta de doce paneis que reflicten o legado deste escritor paradelense que desenvolveu gran parte da súa obra en Cataluña, onde ademais serviu como nexo entre Galicia e a comunidade galega emigrante.
Manuel Rodríguez López, fillo predilecto de Paradela, dá tamén nome á Casa Municipal de Cultura e a un certame literario que xa vai pola súa XXXI edición.
As persoas interesadas en visitar a mostra na Biblioteca, situada na rúa Alfonso XIII, teñen a súa oportunidade ata o domingo 15 de xuño, despois desa data continuará o seu percorrido por outras vilas e cidades.