Tradición oral con Cantareiras Madialeva na Biblioteca neste mes das Letras Galegas

Pontevedra
09 de maio 2025
Actualizado: 13:56

Cantareiras, contacontos e obradoiros compoñen unha variada programación para homenaxear a poesía popular. As actividades comezan xa este venres con "A Touporroutou" a partir das 18.00 horas

Cantareiras Madialeva
Cantareiras Madialeva / Cantareiras Madialeva

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola acolle durante o mes de maio unha completa programación cultural arredor da tradición oral galega, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas 2025.

As actividades, que se desenvolverán ao longo de todo o mes, teñen como protagonistas ás cantareiras e ao cancioneiro popular galego.

A programación conta xa este venres 9 de maio, ás 18:00 horas co espectáculo de narración oral "A Touporroutou", unha homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral dirixida ao público infantil a partir de 5 anos.

Os asistentes poderán gozar dunha proposta interactiva na que descubrirán cantigas, recitarán adiviñas, refráns, trabalinguas e participarán en cantos tradicionais.

Este sábado 10 de maio, ás 12:00 horas, a biblioteca acollerá o concerto do grupo de Meis "Cantareiras Madialeva", que interpretará unha escolma de cantigas populares e poemas musicados.

Este grupo, seguindo a tradición das súas devanceiras que promoveron a tradición oral, trae do pasado á actualidade un valioso legado cultural nunha actuación que mesturará morriña, retranca, bo humor e sentimento para o goce do público xuvenil e adulto.

Entre o 12 e o 25 de maio, os visitantes poderán gozar tamén da exposición bibliográfica "Cantareiras e o cancioneiro popular galego", que recolle obras fundamentais deste xénero da tradición oral galega.

Para as familias interesadas en fomentar a lectura, o martes 13 de maio ás 18:00 horas celebrarase o obradoiro "Medrar entre contos: como fomentar a lectura no fogar", unha actividade dirixida a adultos na que se compartirán ferramentas prácticas para gozar da lectura en casa, coñecer como aprende a ler o cerebro infantil e como crear hábitos lectores sen obrigas.

Esta actividade require inscrición previa na web da biblioteca.

O venres 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, a biblioteca acollerá un contacontos ilustrado e musicado sobre "A poesía popular nas Letras Galegas", a cargo de Polo Correo do Vento.

Nesta actividade, dirixida ao público familiar a partir de 3 anos, narrarase oralmente a historia da vida e obra das homenaxeadas este ano, e complementarase cun obradoiro de debuxo no que se realizará unha caricatura dunha cantareira galega.

Raquel Queizás
Raquel QueizásNacho Limetre

Para pechar a programación, o venres 23 de maio ás 18:00 horas, a narradora Raquel Queizás presentará "Cambio e conto", unha sesión de contos para bebés de 1 a 4 anos. A historia xira arredor de Nano e a súa irmá pequena Nona, que non quere ir para a cama.

Esta actividade, dirixida aos máis cativos acompañados de ata dous adultos, require inscrición previa na web da biblioteca a partir do 14 de maio.

Todas as actividades celebraranse na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola e, agás as que requiren inscrición previa, poderá accederse libremente ata completar o espazo da sala.