"O mar non esquece", a memoria feita curtametraxe por unha moza de Paredes gañadora do Ben Veñas, Maio!

Vilaboa
16 de maio 2025

Sara Pérez Outeda, de 16 anos, vencía no certame “Ben Veñas, Maio!” cun relato audiovisual sobre a represión franquista ambientado nas Salinas

Sara Pérez Outeda, creadora de 'O mar non esquece' Concello de Vilaboa

A creatividade e a memoria histórica conflúen na curtametraxe 'O mar non esquece', unha obra audiovisual que lle valeu a Sara Pérez Outeda, estudante de 1º de Bacharelato no IES Torrente Ballester, o primeiro premio no certame de Normalización Lingüística "Ben Veñas, Maio!" do Concello de Pontevedra.

A autora, veciña de Paredes e con só 16 anos, aborda con delicadeza e madurez un episodio da represión franquista, a través da historia dunha moza que, ao rebuscar nos recordos da súa avoa, descobre a desaparición da súa tía avoa, vítima da ditadura por practicar medicina alternativa.

Sara ideou, guionizou, produciu e gravou a curta de cinco minutos, cun equipo técnico tan humilde como entusiasta: contou coa colaboración da súa amiga Alma Gallego, que lle prestou cámara e portátil para a edición, e coa participación dunha familiar no papel da avoa.

A gravación tivo lugar na Granxa das Salinas, un espazo que a autora escolleu polo seu valor simbólico: "As ruínas representan como a memoria pode deteriorarse, pero nunca desaparecer por completo. Sempre quedan pegadas, anacos que podemos rescatar".

A curta destaca pola súa autenticidade visual, afastada da perfección técnica, pero profundamente honesta e emotiva, algo que sen dúbida contribuíu a conquistar ao xurado. "Quería contar unha historia auténtica, que falara de nós, de Galicia", confesa Sara, quen recoñece sentirse "con forzas e ganas" de orientar o seu futuro profesional cara ao mundo da comunicación audiovisual.

A súa profesora de Lingua Galega foi quen a animou a presentarse ao certame, sen saber que estaba a sementar unha paixón que hoxe medra con forza no corazón desta nova creadora. A curtametraxe é tamén un exemplo de como a educación, a lingua e a memoria poden confluír para dar voz ás novas xeracións e facer visible o pasado desde o presente.

Entre agradecementos, Sara destaca o apoio da súa familia, que define como "alicerces fundamentais" no seu camiño.