Marcelo Dobode leva música tradicional galega e flamenco á prisión da Lama cun obradoiro

A Lama
01 de setembro 2025

O "Proxecto Acción Cultural" da Deputación de Pontevedra estréase este mércores coa participación de 25 internas nunha iniciativa que busca a igualdade e o benestar a través da arte

Concerto de Marcelo Dobode
Concerto de Marcelo Dobode / Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este mércores 3 de setembro o "Proxecto Acción Cultural" no Centro Penitenciario da Lama.

A estrea será coa acción "O son das voces no corpo", un obradoiro dirixido polo músico, actor e bailarín Marcelo Dobode, que fusionará a música tradicional galega co flamenco.

Nesta primeira actividade, un grupo de 25 internas realizará un traballo corporal con percusión e voz, nunha iniciativa que busca canalizar emocións positivas e ofrecer tempos de calidade a través da creatividade.

"O son das voces no corpo" é a primeira das seis accións que se teñen previsto organizar no Centro Penitenciario nos próximos meses ao abeiro deste programa.

A programación do "Proxecto Acción Cultural" inclúe un obradoiro de fotografía, dúas sesións de xogos para desconectar e conectar, unha sesión de ioga, relaxación e lectura reflexiva, e unha festa final como peche do ciclo.

Este proxecto nace da convicción de que "un recinto pechado, restrinxido e hermético pode ser tamén un lugar para a cultura e a educación, onde desenvolver actividades creativas como un medio para canalizar as emocións positivas e ofrecer tempos de calidade".

A iniciativa achega ás internas actividades de lecer e recursos creativos que poidan realizar de forma autónoma, con atención transversal á igualdade e buscando crear unha comunidade diversa e plural nun espazo de acubillo, seguro e sen prexuízos.

O "Proxecto Acción Cultural" forma parte do Ateneo pola Igualdade, un recurso público especializado da Deputación de Pontevedra que ten por obxecto ser un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

A súa programación busca "procurar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na provincia, e fomentar os coñecementos científicos, técnicos e artísticos que axuden a reducir as fendas de xénero".