María Guerra: "Os Feroz en Pontevedra foron tan ben que nos saíron moitas noivas para as seguintes edicións"

Pontevedra
13 de xullo 2025
Actualizado: 27 de novembro

Nunha entrevista cos xornalistas pontevedreses tras presentar os primeiros detalles da edición de 2026, afirmou que lle gustaría que os Feroz puidesen deixar unha 'semente' na Boa Vila

María Guerra e Miguel Anxo Fernández Lores
María Guerra e Miguel Anxo Fernández Lores / PontevedraViva

Cando apostaron por Pontevedra nin a propia organización dos Feroz pensou que esta elección sería tan satisfactoria. "Foi un éxito total e a relación coa cidade foi extraordinaria", recoñece a presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España.

María Guerra, nunha entrevista cos xornalistas pontevedreses tras presentar os primeiros detalles da edición de 2026, recoñece que continuar máis tempo en Pontevedra será complicado, pero gustaríalle que os Feroz puidesen deixar unha 'semente' na Boa Vila.

Primeiro paso cara aos Feroz 2026. Xa tiñades ganas de arrancar?

Estamos felices. É volver a un sitio no que nos foi fenomenal. Foi un éxito total e a relación coa cidade foi extraordinaria. Non queriamos dar a sensación de todo era alfombra vermella e cerimonia e creo que o conseguimos. Todo saíu de maneira extraordinaria.

Quixemos contarlle á cidadanía como se fai cine e que lles axudase a combater os estereotipos. Facer até 29 actividades previas foi algo que funcionou moi ben. Estamos aínda impresionados coa resposta que houbo da xente.

Pontevedra marcou un punto de inflexión nos Feroz?

Completamente. Os Feroz en Pontevedra foron tan ben que nos saíron moitas noivas para as seguintes edicións. Ir a Galicia para nós era un paso moi un importante e demostramos que podemos facer as cousas moi ben.

Non somos os Goya, evidentemente, que teñen un orzamento salvaxe. Nós dependemos das invitacións das cidades e sempre imos moi xustos. O noso non é unha gala luxosa e facémola con medios limitados. Pero damos foco a cines e series que están na marxe.

Que saia tan ben non fai que as expectativas para 2026 estean demasiado altas?

Nós non pensamos que teña que ser o mesmo. Cada ano é diferente. Tamén no cine e nas series. A de 2026, por exemplo, eu creo que vai ser unha gala moi galega. Galicia é un territorio cun audiovisual súper potente e pareceríanos marabilloso celebrar iso.

María Guerra e Miguel Anxo Fernández Lores
María Guerra e Miguel Anxo Fernández LoresPontevedraViva

Para a próxima edición cambiades de formato e apostaredes por catro presentadores. Por que?

Parécenos que lle quitas a un só actor ou actriz todo o peso da gala e, ao mesmo tempo, móstrase diversidade. Empezamos con Samantha Hudson, que é do máis rompedor, pero haberá presentadores que ven as cousas desde outros mundos. Iso parécenos moi interesante.

Logo tamén é unha gala que repousa moito nos presentadores e non tanto na xente que aparece para dar un premio. Con máis condutores o guion pode ser máis sólido e xogar máis coa actualidade. Poñer sobre o escenario o que está a pasar no mundo.

En canto ás actividades previas. Haberá máis ou tentaredes achegarvos máis á xente? Non sei se, por exemplo, pensáchedes en proxeccións ao aire libre...

Que un galego me diga de facer proxeccións ao aire libre paréceme marabilloso (ri). Nós estamos dispostos a todo. Se hai que facelas con chuvasqueiro, tamén. Tentaremos facer máis, pero non podemos podemos esperar máis da cidadanía.

María Guerra atendendo os xornalistas pontevedreses
María Guerra atendendo os xornalistas pontevedresesPontevedraViva

E haberá unha maior conexión coa universidade?

Nós estamos abertos a colaborar con eles e achegar aos estudantes ao cine e ás series. Podemos facer talleres ou podcast. O que queiran. Estamos á orde do que nos digan. Iremos a Pontevedra e dirémoslles que necesitan de nós. Esa é a nosa actitude.

É dicir, podemos esperar sorpresas?

De todo tipo. Temos que rascarnos a cabeza e pensar en cousas novas e importantes.

Seguir en Pontevedra máis aló de 2026, polo que dicías das noivas, parece que será unha tarefa complicada. Hai opcións de manter certa presenza na cidade?

Encantaríanos. Estivemos en Zaragoza hai dous anos e mantemos un campus de verán para pór en contacto a estudantes con profesionais do cine e do audiovisual. Agora a Tenerife trouxemos o festival Lo que viene e xa veremos se os Feroz tamén Temos un espírito itinerante. Sería interesante vincularnos máis con Pontevedra.

Arquivado en