María Solar e Pedro Feijoo encabezan o programa da Vila das Letras en Marín

Marín
24 de abril 2026
Actualizado: 11 de maio

O encontro literario celebrarase entre o 15 e o 17 de maio na Alameda e contará coa participación de Ismael Ramos, Tamara Andrés e Silvia Penas como xurado de poesía

A escritora María Solar
A escritora María Solar / Salón do Libro

A programación da Vila das Letras en Marín contará coa presenza dos escritores María Solar e Pedro Feijoo durante a fin de semana do 15 ao 17 de maio.

O evento, organizado polo Concello na Alameda marinense, inclúe coloquios, presentacións de libros, contacontos e obradoiros. 

Pedro Feijoo intervirá o venres pola tarde para falar sobre a súa traxectoria e a súa obra máis recente, Onde nacen as bestas.

Pola súa banda, a xornalista e escritora María Solar presentará o seu libro As malas ideas.

O Concello informou de que estes son os primeiros nomes dunha programación que se completará nas vindeiras semanas.

O 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, farase entrega do XXIII Premio de Poesía Concello de Marín.

O certame deste ano está dedicado á autora Begoña Caamaño, homenaxeada pola Real Academia Galega, e o Concello de Marín outorgará un galardón de 1.000 euros.

O prazo para a presentación de manuscritos a este certame permanece aberto ata o 4 de maio.

O xurado desta edición estará composto polos poetas Ismael Ramos, Tamara Andrés e Silvia Penas.

Ramos, que recentemente obtivo o premio O. Henry de relato, e Andrés, investigadora e tradutora, xa participaron en edicións anteriores. A autora Silvia Penas incorpórase este ano ao grupo encargado de avaliar as obras presentadas.

Arquivado en