Mariachis e corais, oferta musical de Poio durante a fin de semana

Poio
13 de xuño 2024

O XXV Certame de Corais celebrarase durante o sábado 15 no Mosteiro de Poio mentres que o domingo Vilamariachi e a cantante Marietta actuarán na Comunidade de Montes de San Xoán

Coral Polifónica de Poio Coral Polifónica de Poio

A fin de semana do 15 e 16 de xuño ofrece diversas actividades culturais en Poio. 

O sábado pola mañá inaugúrase no Mosteiro de Poio a exposición de obras do alumnado da Escola de Canteiros de Poio dentro da mostra Arias Xidas e a de Maquetas do patrimonio cultural, cos traballos realizados polo veciño José Manuel Magdalena Otero.

Ambas as exposicións permanecerán abertas ata o 8 de xullo. A veciñanza de Poio terá acceso libre coa recollida das invitacións na Casa do Concello; no Casal de Ferreirós; na Oficina de Turismo de Combarro ou no Palacete das Besada en Pontevedra.

Na tarde do sábado iniciarase a actividade musical coa celebración do Certame de Corais, que chega á vixésimo quinta edición. Organizado pola Coral de Poio e a parroquia de San Xoán en colaboración co Concello, o concerto iniciarase ás 20.30 horas e participarán tanto a Coral Polifónica de Poio como a Polifónica de Salcedo.

Xa o domingo está previsto un concerto dos mariachis Vilamariachi acompañados pola cantante Marietta. A actuación será no local da Comunidade de Montes de San Xoán, a partir das 18.00 horas con entrada libre.

Os concelleiros Natividad Torres, Natalia Sabarís e Fran Dasilva anunciaron que está prevista a programación de sesións musicais en directo en diferentes parroquias en colaboración con colectivos de cada lugar.