Nas Festas de San Xoán de Poio todos os días silenciaranse as atraccións de feira para que as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) poidan disfrutar delas.
Desde a concellería de Festexos, o edil Fran Dasilva, explica que a hipersensibilidade auditiva provócalles que os ruídos fortes lles afecten moito máis, ata o punto de converterse nunha barreira importante que lles impide gozar destas atraccións.
Por iso, o goberno local volveu falar cos responsables das atraccións para que este ano se incrementen como mínimo a dúas horas diarias -unha máis que o ano pasado- o funcionamento das atraccións sen son e, deste xeito, garantir que ningunha persoa con autismo teña problemas para acceder a elas.
Ademais, os nenos volverán a ter unha festa dedicada para eles dentro da programación do San Xoán, o xoves 27, con inchables gratuítos, escuma e a animación de Javi Solla, que este ano se completarán cunha redución do 50% no prezo das atraccións que continúen no recito da festa ese día.
O San Xoán comeza este sábado, 22 de xuño e ten por diante seis días de celebración para ofrecer unha festa participativa e con propostas atractivas para todos os públicos.
A programación comeza o sábado 22, coa lectura do pregón de Rafa Cabeleira, a entrega dos premios aos mellores deportistas desta tempada e a actuación do Trío Arena para recordar as festas do Campillo. A sardiñada popular, o espectáculo de lume e prendido da fogueira será o domingo 23. A Seca acollerá as actuacións dalgunhas das mellores orquestras galegas para amenizar as veladas nocturnas, como Panorama, Kubo, Los Players, Capitol, Miramar, Gran Parada e Marbella.