Rafa Cabeleira, xornalista de Campelo, será o pregoeiro das Festas de San Xoán

Poio
25 de maio 2024

A lecutra do pregón das Festas está prevista para o sábado 22 de xuño desde a Casa do Concello. Rafa Cabeleira é veciño de Campelo e exerce como columnista, colaborador habitual en diferentes medios de comunicación e é autor do libro 'Alienación indebida'

Festas de San Xoan en Poio
Festas de San Xoan en Poio / PontevedraViva

Rafa Cabeleira será o encargado de iniciar as festas grandes de Poio, as Festas de San Xoán 2024, que se celebrarán entre o sábado 22 e o 27 de xuño.

O Concello de Poio anunciou a decisión sinalando que Cabeleira é veciño de Campelo e exerce como columnista, xornalista e colaborador habitual de medios como El País, a Cadena Ser, Diario As, Radio Galega e Diario de Pontevedra.

É autor tamén do libro 'Alienación indebida', publicado polo editorial Círculo de Tiza.

A intención do Concello é que se trate dun pregón en clave local "desde Poio e para Poio".

A lectura do pregón está prevista para o sábado 22 de xuño desde a Casa do Concello. Nesa mesma xornada tamén está prevista a entrega do premio do concurso de carteis de San Xoán e dos premios aos deportistas locais pola traxectoria ao longo da tempada.

Neste sentido, o Concello tamén comunicou que a estudante Emilia Hanna Beck é a gañadora do concurso de carteis de promoción destas festas.