Do 8 ao 21 de xuño manterán aberto o prazo para pedir permiso de montaxe de cacharelas e grelladas no San Xoán

Poio
04 de xuño 2024

As solicitudes deberán presentarse no rexistro do Concello de Poio ou a través da sede electrónica. As peticións para a festividade de San Pedro terán de prazo do 22 ao 26 do mes de xuño

Grellada de sardiñas
Grellada de sardiñas / Concello de Poio - Arquivo

O sábado 8 de xuño ábrese o prazo para que aquelas persoas particulares e os locais de hostalería que teñan previsto prender unha cacharela ou facer unha grellada durante a festividade de San Xoán, do 23 ao 24 deste mes, soliciten permiso ao Concello de Poio.

O goberno local indica que preferentemente debe solicitarse o permiso a través da sede electrónica do Concello e, en caso contrario, mediante instancia que se presentarán presencialmente no Rexistro Xeral do Concello.

O prazo para pedir o permiso finaliza o venres 21 de xuño para o caso de San Xoán e serán autorizadas aquelas fogueiras situadas en zona rural, en solo urbano ou en arenais que cumpran todas as normas de seguridade.

As cacharelas e grelladas de San Pedro terán un prazo para a presentación de solicitudes desde o 22 ao 26 deste mes.

Quen realice a solicitude será a persoa responsable de cumprir todas as condicións e normas de seguridade como a prohibición de situar un asador en zonas públicas; volume de combustible que non deberá superar os oito metros de perímetro e tres metros de altura; e separación de edificios e árbores dun mínimo de catro metros para as grelladas e de doce metros para as fogueiras.

Lembran desde o goberno local que deberá terse en conta non situar barbacoas ou as fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos e evitar que estean próximas a un local onde se almacenen produtos inflamables.

As persoas responsables tamén deberán ter en conta as inclemencias meteorolóxicas como a presenza de vento á hora de prender lume.

Tamén se prohíbe o uso de material que provoque fume tóxico e deberá haber un punto de auga ou un extintor próximo ao lugar da fogueira.

Todo deberá quedar completamente recollido e limpo o luns 24 de xuño, antes das 10.00 horas, segundo indica o Concello de Poio.