A maxia de 'Nymeria' pasea polas rúas da Boa Vila

Pontevedra
08 de novembro 2025
Actualizado: 09 de novembro

Os artistas de Pablo Méndez Performances irromperon entre os paseantes para ofrecer un adianto do seu esperado espectáculo 'Nymeria', deixando a todos pampos coa súa enerxía, cor e fantasía

O elenco de 'Nymeria' sorprende aos pontevedreses
O elenco de 'Nymeria' sorprende aos pontevedreses / Cristina Saiz

Este sábado, as céntricas Prazas da Peregrina e A Ferrería convertéronse nun escenario improvisado cheo de sorpresa e asombro.

Os artistas de Pablo Méndez Performances irromperon entre os paseantes para ofrecer un adianto do seu esperado espectáculo 'Nymeria', deixando a todos pampos coa súa enerxía, cor e fantasía.

As entradas para a estrea do sábado 15 de novembro no Auditorio Sede Afundación Pontevedra esgotáronse en tempo récord. Pero a compañía anunciou unha segunda función o domingo 16 de novembro ás 18:00 horas no mesmo escenario.

'Nymeria' promete ser unha experiencia visual e emocional sen precedentes, cunha posta en escena de 70 minutos que combina teatro visual, circo contemporáneo e tecnoloxía escénica de última xeración.

A súa escenografía futurista, os efectos luminosos e a participación do público garanten unha viaxe inesquecible para toda a familia.

E para que ninguén quede sen vivir esta aventura intergaláctica, a compañía ofrece un 20% de desconto exclusivo nas entradas do domingo, dispoñible a través do banner de PontevedraViva.

Todo está preparado para o despegue do transbordador espacial de 'Nymeria' que levará ao público a un espectáculo que mestura maxia, humor e emoción.