'Merendolas desconcertantes' para escolares de primaria no Museo de Pontevedra

Pontevedra
03 de decembro 2025
Actualizado: 11:54

Trátase dun espectáculo de Cuarteto DeBiselas no que a música das frautas travesas se mestura con petiscos literarios e visuais

Cuarteto DeBiselas
Cuarteto DeBiselas / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra programa este venres 5 de decembro pola mañá dúas funcións escolares de 'Merendolas desconcertantes'.

Trátase dun espectáculo de Cuarteto DeBiselas no que a música das frautas travesas se mestura con petiscos literarios e visuais.

Asistirán cerca de 200 alumnos de Educación primaria de centros escolares de Vigo, Pontevedra e Poio.

O cuarteto de frautas travesas DeBiselas está formado por Sabela Galbán, Carlota Salgado, Valeria González e Bea Rodríguez. Nacido en 2016, trátase dun proxecto que quere dar a coñecer a frauta travesa a través da súa sonoridade en ensemble.

Ofrecen un programa no que a diversidade ten un papel moi importante: formacións de dúo, trío e cuarteto con repertorio que abrangue obras compostas no período Barroco, no Clasicismo, no Romanticismo, en pleno século XX e tamén no momento presente.

DeBiselas é un colectivo multidisciplinar onde se fusionan o sentido auditivo e o visual nun formato dinámico no que o público pode establecer correspondencias entre o sonoro e o plástico, combinando música, ilustracións e texto.

En 'Merendola desconcertante' ofrecen unha pequena variedade de pezas musicais coas autorías de Franco Cesarini, Raymond Guiot, Rosendo Mato Hermida, Carlos Gardel ou Satoshi Yagisawa, entre outras.

A música complétase con petiscos visuais, con contidos gráficos orixinais deseñados por Carlota Salgado, e literarios, con textos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rosalía de Castro, Esther F. Carrodegüas, Fran Gómez e María Xosé Silvar.