Michael Jackson segue a ser o rei do pop

Pontevedra
22 de xaneiro 2017

O auditorio de Afundación encheuse de seguidores do falecido artista para gozar dun concerto tributo a cargo de Jackson Dance Company, que está considerado como o mellor espectáculo homenaxe ao idolatrado cantante

Michael's Legacy. Tributo a Michael Jackson Diego Torrado

A sede de Afundación rexistrou unha magnífica entrada na noite deste sábado coa presenza de numerosos fans de Michael Jackson nas butacas do auditorio que querían lembrar ao seu ídolo en Michael's Legacy, o espectáculo que está considerado o mellor tributo ao cantante falecido en 2009 segundo o club de fans do rei do pop en España.

Ao ritmo dos seus temas máis coñecidos, catorce bailaríns da Jackson Dance Company acompañados por voces que reproducían con fidelidade as tonalidades do desaparecido artista fixeron vibrar a un público de moi diferentes idades que non deixou de corear temas como Bad ou Thriller.

A Jackson Dance Company ofreceu esta montaxe tributo en grandes recintos internacionais cunha escenografía moi coidada e gardando a esencia dos concertos do terceiro artista que máis discos vendeu na historia da música.