Migallas Teatro abre o prazo para os obradoiros "Somos artistas" dirixidos á cativada

Pontevedra
12 de setembro 2025

A actividade oferta preto de 100 prazas para escolares con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos. A proposta inclúe expresión dramática, plástica e musical en galego

Actividade de Migallas Teatro no Pazo da Cultura
Actividade de Migallas Teatro no Pazo da Cultura / Concello de Pontevedra

Migallas Teatro pon en marcha, un ano máis, os obradoiros "Somos artistas", unha iniciativa das concellerías de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra que ofrecerá preto de 100 prazas para nenos e nenas de entre 5 e 11 anos.

As preinscrición abren este luns 15 de setembro e permanecerán abertas ata o 18 de setembro a través do correo [email protected].

A actividade desenvolverase nas instalacións do Pazo da Cultura cun enfoque integral que combina expresión dramática, plástica e musical, ademais de xogos tradicionais, todo nun ambiente de socialización en galego.

A programación estrutúrase en tres obradoiros diferenciados segundo a idade dos participantes. O primeiro grupo, destinado a nenos de 8 a 11 anos, celebraráse os luns de 18:00 a 19:30 horas a partir do 29 de setembro, con 25 prazas dispoñibles.

Para os máis pequenos, de 5 a 7 anos, haberá dúas opcións: un obradoiro os mércores de 17:30 a 19:00 horas que comezará o 8 de outubro, e outro os xoves no mesmo horario a partir do 9 de outubro. Cada un destes grupos contará con 35 prazas.

Cada obradoiro constará de 10 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares, desenvolvendose entre a derradeira semana de setembro e decembro cunha periodicidade semanal.

A actividade trimestral terá un custo total de 50 euros con todo o material incluído.

No caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, terán prioridade as nenas e nenos residentes no termo municipal de Pontevedra. Se estes tamén superasen o número de prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público para adxudicar as restantes.

A formalización da inscrición e o pago da cota realizarase directamente con Migallas Teatro na sesión de comezo da actividade.

Para realizar a preinscrición é necesario enviar un correo con nome e apelidos do neno, idade, número de obradoiro, nome do familiar ou titor de contacto, teléfono, e enderezo ao correo [email protected].