O auditorio de Cerdedo acollerá este sábado 24 de maio "Pegadas de Castelao", do grupo Migallas Teatro.
Trátase dun espectáculo dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos.
A obra trata, dunha forma amena e divertida, a figura de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista ou promotor cultural, entre outras.
Con esta montaxe Migallas Teatro tenta amosar as profundas pegadas que deixou Castelao na historia e na cultura de Galicia así como avivar o interese por afondar no coñecemento da súa vida, da súa obra e do seu pensamento.
Para lograr este obxectivo, combínanse diferentes técnicas dramáticas: monicreques de silueta, de luva e cabezudos inspirados nos debuxos e relatos de Castelao, teatro de actor, pantomima e cantar de cego.
O espectáculo inclúe música en directo e cantigas populares vencelladas á súa vida e obra.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, sinalou que esta función forma parte das actividades organizadas polo Concello a través do programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra.
A función enmárcase tamén dentro das actividades promovidas polo Concello de Cerdedo-Cotobade centradas na figura de Castelao no ano da súa homenaxe en toda Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.