Cerdedo-Cotobade somete a consulta pública os puntos básicos da súa Axenda Urbana

Cerdedo Cotobade
19 de maio 2025
Actualizado: 17:39

Tras o proceso de escoita, o Concello pretende crear un decálogo de accións e prioridades en materia turística, infraestruturas, entre outras

Consulta pública para a elaboración da Axenda Urbana
Consulta pública para a elaboración da Axenda Urbana / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade puxo en marcha un proceso de escoita á veciñanza a través dunha consulta pública para a elaboración da Axenda Urbana do municipio.

Esta Axenda deseñará as accións prioritarias estratéxicas a impulsar desde o Concello a curto e medio prazo.

Para elaborar ese documento acábanse de manter unhas xuntanzas abertas con colectivos e veciños no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo e tamén no Centro Cultural de Cerdedo onde acudiu un número importante de persoas e asociacións que foron aportando as súas propostas e inquedanzas.

Previamente a estas xornadas de encontros coa veciñanza, o Concello de Cerdedo-Cotobade fixo unha enquisa á cidadanía.

Nesta enquisa participaron medio cento de persoas de todo o municipio.

O obxectivo foi establecer un decálogo de accións, recollida de ideas e opinións para incorporar ao conxunto de proxectos municipais que desde a Alcaldía se están impulsando en materia turística, de infraestruturas e tamén de dotacións.

Esta iniciativa, coordinada por un grupo de técnicos, é pioneira no municipio.

O goberno local salientou que este proceso de escoita e de participación veciñal fomenta a cogobernanza na que a vontade popular e a xestión municipal camiñan xuntas da man despois dun proceso de colaboración entre a administración e o administrado.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora