Trinta anos despois, Miguel Ríos volverá actuar en Pontevedra. Será dentro dos concertos das Festas da Peregrina 2026. Así o confirmou o artista e o propio Concello.
O concerto do artista granadino, que cumprirá 82 anos meses antes de vir a Pontevedra, será o venres 14 de agosto, ás 22:30 horas, na Praza de España.
Será, como é habitual, de entrada gratuíta e aberto a todo tipo de público.
Á Boa Vila, Ríos traerá a xira 'El último vals', na que demostra que tras 65 anos sobre os escenarios mantense incombustible, xenuíno e rockeiro como sempre o foi.
Farao acompañado no escenario por catro músicos multinstrumentistas, cos que ofrecerán un formato electroacústico onde se fusionan o rock e o country.
A última actuación de Miguel Ríos na cidade fora en 1996, ano no que actuou xunto a outro tres músicos lendarios: Víctor Manuel, Ana Belén e Joan Manuel Serrat.
Desde o goberno municipal indican que este é o primeiro nome confirmado para as Festas da Peregrina do próximo ano.
Afirman que traballan "desde hai meses", en configurar a programación de actividades para un verán que "seguro que volverá ser espectacular".