Milladoiro abrirá na noite do martes as celebracións da Virxe do Porto

Marín
06 de setembro 2021

Tras ofrecer o concerto central do Día de Galicia en Santiago de Compostela, o prestixioso grupo folk celta Milladoiro actuará o martes 7 de setembro ás 20.30 horas na Alameda de Marín

Concerto do grupo Milladoiro nas Festas da Peregrina 2014 Diego Torrado

Marín celebra esta semana as súas Festas da Virxe do Porto.

Para o martes e o mércores, o Concello de Marín organizou un programa de concertos co que poder honrar á patroa da vila e gozar, con seguridade e con todas as medidas sanitarias vixentes, dunha das citas máis esperadas do calendario festivo da vila mariñeira.

As festas comezarán o martes 7 de setembro ás 20.30 horas co concerto na Alameda do grupo Milladoiro. O grupo de folk celta, un dos máis importantes do panorama musical galego, leva en activo desde 1978 e está considerado como un dos grupos de música do seu xénero máis relevantes a nivel internacional. Recentemente ofreceron o concerto central do Día de Galicia na praza da Quintana de Santiago de Compostela, como antesala dos fogos do Apóstolo.

Xa o mércores 8, Día da Virxe do Porto, abrirá a programación a Banda de Música Musimarín, que tocará na Alameda a partir das 13.00 horas. Polo serán, tamén na Alameda, ás 20.30 horas, collerá ao relevo Xulio Lorenzo, músico e compositor nado en Louredo (Mos) e fundador do grupo Xabenga Folk. Publicou seu primeiro traballo discográfico en solitario publicado, no que participaron grandes artistas, como Bieito Romeo, Marcos Campos, Pedro Fariñas ou a Banda de Gaitas Xarabal, entre outros.

En canto aos oficios relixiosos, haberá misa no Templo Novo ás 12.00 horas.
 

CELEBRACIÓN EN ARDÁN

Ttamén a parroquia de Ardán celebrará actos para festexar á Virxe do Porto. O mércores, día 8 de setembro, ás 13.00 horas, haberá misa cantada e pasarrúas a cargo da Banda de Música de Bueu. Pola noite, actuará a Orquesta Marbella, de 21.00 a 00.00 horas.

O xoves, día 9, para pechar o calendario festivo, haberá de novo misa cantada ás 13.00 horas en honra a San Roque e pasarrúas co Grupo de Gaitas de Ardán. Pola noite, a partir das 21.00, será a quenda da Orquesta Oca Band.

Desde a Comisión de Festas da Asociación Landra Verde quixeron agradecer á Xunta de Galicia a colaboración económica que realizou para o desenvolvemento da festa, achegando o 40% do custo das orquestras, e tamén ao Concello de Marín, polo seu apoio.