Non só de deporte vivirá Pontevedra durante os días nos que se celebre o Mundial Multideporte 2025, que volverá converter a Pontevedra na capital internacional do tríatlon.
E é que a organización deseñou unha ampla programación de concertos e actividades paralelas que terán a Mondra, unha da grandes referencias da nova onda da música galega, como o seu principal atractivo.
O artista coruñés, 'cantareiro' e bailador, actuará o venres 27 de xuño, ás 22:00 horas, na Praza de España, onde presentará en directo os temas do seu segundo disco, 'De rolda'.
Toda esta programación paralela arrancará coa cerimonia de apertura, o venres 20 de xuño ás 18:30, na que actuará a compañía pontevedresa Pablo Méndez Performances.
O sábado 21 de xuño haberá unha dobre actuación musical, a cargo de Purple (19:00 horas, Praza da Peregrina) e Javier Lago (20:30 horas, Praza de San Xosé), e Green Hot Peppers actuará o domingo 22 de xuño (21:30 horas, Praza de España).
A aula de música tradicional do campus de Pontevedra ofrecerá, pola súa banda, un concerto ás 20:30 horas do luns 23 de xuño no escenario da Praza de España.
Sesións con Certain People e N.Skillzz (18:00 horas. Playground Store) e Arque (18.00 horas, Miler Vintage Club), animarán o martes 24 de xuño; mentres que ao día seguinte tocarán Cora (20:00 horas, Praza de Compostela) e Helena Egea (21:30 horas, Praza de Ourense).
Ademais, Kris K e Carlos Crespo animarán ao público, desde as seis da tarde, en Rei Zentolo.
O broche final porao, como xa se anunciou, o concerto que ofrecerá o triatleta galego Javi Gómez Noya xunto á súa banda de rock, Liorta.
Será o domingo 29 de xuño, tamén ás dez da noite na Praza de España. A continuación o fin de festa, a partir das 23:30 horas, animarao Broken Peach.