Pontevedra suma unha nova proposta para a programación previa dos Premios Feroz, que se entregarán na cidade o próximo 24 de xaneiro.
É, como defendeu a concelleira responsable da área de promoción da cidade, Anabel Gulías, unha actividade "moi pensada e moi reflexionada" que estará coordinada por Paula Cabaleiro.
Trátase do ciclo 'Unha cuestión de perspectiva: as mulleres no audiovisual galego', que busca poñer en valor o cinema galego dende unha ollada feminista, analizando cómo mudan os relatos e a construción de personaxes cando a autoría é feminina.
"Nós cremos firmemente que non é o mesmo unha proxección na que dirigen mulleres ou nas que as mulleres contan as súas propias historias", subliñou Gulías, porque durante décadas o cinema "se contemplaba casi exclusivamente dende a perspectiva masculina".
As actividades desenvolveranse no Teatro Principal durante os dous próximos venres.
Así, o ciclo abrirá este venres 9 de xaneiro, ás 19:00 horas, coa proxección do documental Prefiro condenarme (2024), dirixido por Margarita Ledo.
A cinta narra a historia real de Sagrario Ribela Fra, unha mariscadora da ría de Ferrol xulgada por adulterio en 1972, abordando temas como a violencia, a atmosfera social opresiva da ditadura e o dereito a querer e ser querida.
Tras a proxección, celebrarase un coloquio que contará coa presenza da propia directora, Margarita Ledo, e dunha das actrices principais do filme, Mónica Camaño.
A programación continuará o venres 16 cunha xornada intensiva que reunirá a destacadas profesionais do sector, dende produtoras e directoras ata guionistas e responsables de festivais.
A sesión comezará ás 11:15 horas coa conferencia inaugural titulada 'A situación das mulleres no cinema galego', a cargo de Nati Juncal, produtora e delegada de CIMA, a asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais, en Galicia.
A continuación, haberá tres mesas temáticas, a primeira delas centrada na producción de cinema, na que participará as productoras Chelo Loureiro e Sara Horta, a directora Anxos Fazáns e Uxía Caride, xerente da Asociación Galega de Produtoras Independentes.
A perspectiva de xénero na dirección, no guión, na configuración das personaxes e na interpretación protagonizará o segundo dos encontros. Nel estarán a directora Jaione Camborda, a guionista Lidia Fraga, a directora de fotografía Lucía Catoira Pan e a actriz Lucía Veiga.
A terceira das mesas, centrada nos circuítos do cinema, contará con Ana Domínguez, directora do festival S8; Ana Estévez, directora da MICE Museo do Pobo Galego; Lucía Rodríguez, responsable de comunicación do FICBueu; e a cineasta e programadora Xisela Franco.
"É unha sorte ter todas estas grandes mulleres referentes que también de algunha forma contribúen a que cada vez poida haber mais mulleres no audiovisual galego", explicou Cabaleiro, de xeito que as nenas "empecen a ver o audiovisual como un terreo que tamén xa lle pertence".
O ciclo pechará ás 19:45 horas coa performance 'Unha muller cunha cámara', protagonizada por Mercé de Rande e Juanma LoDo.
Inspirada na obra de Dziga Vertov, esta peza fusiona cinema e danza con manipulación de vídeo en tempo real para reflexionar sobre a autoimaxe e o rol da muller como suxeito activo que dirixe a mirada, fronte ao papel tradicional de obxecto pasivo.
Todas as actividades do ciclo son de acceso libre para todos os públicos ata completar a capacidade do Teatro Principal.