Música, circo e teatro no debut de Itineranta, o festival de animación na rúa de Pontevedra

Pontevedra
06 de agosto 2014

A animación de Itineranta xa inunda o centro histórico de Pontevedra. As compañías Tiritirantes, Olodum do Coio, Cal e Canto e Manicómicos foron as encargadas de inaugurar a quinta edición deste festival de animación na rúa

Un dos espectáculos do festival Itineranta 2014 Diego Torrado

A animación de Itineranta xa inunda o centro histórico de Pontevedra. As compañías Tiritirantes, Olodum do Coio, Cal e Canto e Manicómicos foron as encargadas de inaugurar a quinta edición deste festival de animación na rúa. Circo, música e teatro foron as apostas que presentaron este martes polo centro histórico da cidade, facendo as delicias do público que os apoiou durante todo o seu percorrido.

Repartidos en tres rutas por diferentes zonas do centro histórico, os espectáculos, dunha gran factura visual, converteron á cidade nun grande escenario ao aire libre. Todo un atractivo para estes días previos á semana grande das Festas da Peregrina.

Tiritirantes levou á Praza de España, Peregrina e Curros Enríquez a súa Escuela de vuelo, un espectáculo de factoría circense cheo de malabares e divertidos momentos de interacción co público. Pola súa banda, os pontevedreses Olodum do Coio levou a súa percusión ao Teucro, as Cinco Rúas, Méndez Núñez e Curros Enríquez; mentres que Cal y Canto repetiu o primeiro percorrido coa montaxe A-ta-ka!.

A primeira xornada de Itineranta concluíu coa compañía Manicómicos co seu espectáculo Sobre rodas, que levaron a Méndez Núñez, a praza da Leña e Peregrina.

O festival continuará ata o xoves. Para este mércores está prevista a actuación de Tiritirantes e Cal y Canto, que repiten un día máis pero con novos espectáculos. A eles uniranse K de Rúa, Crassh e Always Drinking Marching Band.