Como cada ano, as Festas de Verán de Pontevedra reservarán gran parte da súa programación á música tradicional, reivindicando as tradicións que deron forma ao que somos como país. Durante dous meses, non haberá recuncho da cidade que non soe a Galicia.
Será tanto con romarías como o San Bieito de Lérez ou as festas de Santiaguiño do Burgo como con actividades vinculadas coa música tradicional -o Memorial Ricardo Portela- ou coas bandas máis clásicas -Música de Bandas ou as Xornadas Musicais en San Roque-.
Entre o 5 de xullo e o 23 de agosto celebrarase unha nova edición do ciclo Música de Bandas, que nesta ocasión ofrecerá sete concertos en diferentes prazas da cidade.
Correrán a cargo da Banda de Música Xuvenil de Salcedo e a Banda Xuvenil de Meaño (5 de xullo, 20:00 horas) na Alameda ou a Coral Auria Canta Ourense, a Coral Polifónica de Chapela e a Coral Polifónica de Salcedo (6 de xullo, 18:00 horas) no Teatro Principal.
A eles seguiranlles o concerto pop-rock sinfónico da Banda de Música de Pontevedra (10 de xullo, 20:00 horas) e a actuación conxunta da Banda de Música de Sanxenxo e a Banda de Música de Salcedo (sábado 12, 20:00 horas), ambos na Alameda.
Dous concertos máis da Banda de Música de Pontevedra (23 de xullo, 20:30 horas) no adro de Santiaguiño do Burgo e (1 de agosto, 20:00 horas) na Alameda e outro da Banda de Música de Salcedo (23 de agosto, 21:00 horas) na Praza de José Martí completarán o programa.
O 11 de xullo será a tradicional romaría de San Bieito de Lérez, na que ao longo da xornada actuarán Os Alegres, Duos Pontes, Gaiteiros das Rías Baixas, Os de Algures ou Pola Vila, e que incluirá a mexilloada popular e unha verbena coa orquestra Casabranca.
O Memorial Ricardo Portela, que terá lugar entre os días 11 e 13 de xullo, estará dedicado este ano a Erminda Miramontes e, entre as súas actividades, ademais da mostra de instrumentos tradicionais e de pasacalles, estarán os concertos de Pan Sen Fron, Mediarea e Cantometrics.
Do 24 ao 28 de xullo a cita será coas Festas de Santiaguiño do Burgo que, entre outras propostas, xunto cos actos relixiosos e as atraccións, ofrecerá verbenas a diario coas orquestras Primera Línea, Sinfonía, Greasse e Nueva Fuerza de Canarias.
E xa para rematar ou mes volverán á Alameda, entre vos día 28 de xullo e 1 de agosto, as Xornadas Musicais en San Roque con concertos diarios, ás 20:00 horas, de Vento Mareiro, Coral de Poio, Son da Pedra, Os Chispas do Lérez e a Banda de Música de Pontevedra.
Tras a conclusión de Chalana, a feira de artesanía (16 de xullo a 3 de agosto) será a quenda de eventos clásicos nestas Festas de Verán como o Festixeve, con Sés e Treixadura (31 de xullo a 3 de agosto), a Festa do Demo (23 de agosto) ou Meleira, a Feira do Mel (11 ao 14 de agosto).
O broche de ouro, como é habitual, será coa Feira Franca (5 e 6 de setembro), que na súa vixésimo cuarta edición estará dedicada ás meigas.