"A donde lo vamos a mandar? a los profundos del mar, onde non haxa pito nin galiña nin ningunha cousa viva....". Esta é unha das fórmulas máxicas que forman parte da tradición de Tomeza para curar os males que van máis alá da medicina. "Son palabras secretas, fórmulas máxicas, salmos, oracións... " así as describe Ana Lois, a directora do proxecto documental, financiado polo concello de Pontevedra, sobre as tradicións máxico relixiosas que este próximo sábado 20 de abril se vai presentar no antigo colexio preescolar Lusquiños, en Tomeza.
Baixo o título de Terra de Pastequeiros celebrarase un acto no que se pretende que os veciños da parroquia poidan coñecer este traballo de recollida da cultura da zona. Tomeza é terra de pastequeiros, termo que se usa para describir a aqueles sanadores tradicionais que utilizaban elementos da liturxia. Empregaban a cruz, o pan ou o viño e unha oración en latín, o Pax Tecum (a paz sexa contigo). Desta oración derivouse o termo "pastequeiros".
Personaxes como "o Manso", nos anos 20, gañaba ata seis mil pesetas por unha das súas intervencións. As fórmulas con esas palabras secretas foron transmitíndose, segundo afirma Ana Lois, a través do boca a boca. Na actualidade, hai unha pastequeira que elimina o mal de ollo a través dun rito que consiste en pasar 27 veces por debaixo dunha ponte. Esta muller mantén o anonimato e non aparece no documental porque a directora indica que o traballo só recolle a aqueles que non reciben cartos por aplicar estes remedios.
Lois apunta que non é a Galicia profunda, "a estas prácticas acode xente de todo tipo á que a medicina non lle atopa a solución". E explica que un dos elementos máis utilizados é o licornio, o corno de cervo que se considera símbolo de inmortalidade. Con el bendicíanse as pezoñas producidas por algúns animais.
A elaboración do documental de Tomeza está aínda realizándose por parte da xornalista Ana Lois. Leva menos de mes e medio de traballo nesta parroquia e a directora, afirma, que aínda non sabe canto tardará en rematarse porque "sempre poden xurdir sorpresas".
Terra de Pastequeiros from Palabras secretas on Vimeo.