Na procura dos novos Manuel Torres

Marín
19 de maio 2021

O alumnado que visite o centro museístico de Marín recibirá un caderno para poder replicar e pintar os cadros do pintor marinense ao seu gusto e estilo. Este martes, o público infantil xa puido estrear esta iniciativa creativa

Unha estudante revisa o caderno sobre Manuel Torres Concello de Marín

A actividade 'Pinta con...' permitirá que os escolares que visiten o Museo de Marín poidan realizar obras seguindo o estilo do pintor Manuel Torres.

Trátase dunha iniciativa presentada este martes pola concelleira Itziar Álvarez, que informaba da entrega dun caderno ao alumnado que realice estas visitas para que vexan os bosquexos a unha liña dos cadros do artista marinense.

Con motivo do Día dos Museos, os escolares que visitaron o museo xa recibiron este caderno para que coñezan as obras de Torres e poidan tomalas como referencia para desenvolver a súa creatividade e para pintar seguindo o seu estilo.

Segundo indicou a concelleira, a intención do goberno local tamén é repartir estes cadernos non só durante as visitas de centros escolares senón tamén nos casos de menores que se acheguen ata o museo pola súa conta ou acompañados por familiares.

A proposta busca achegar a obra de Manuel Torres ao público infantil para que coñezan a súa creatividade e, ao mesmo tempo, desenvolvan a súa propia actividade artística