As guitarras eléctricas e as voces máis potentes do heavy e do hard rock volverán tomar o parque da Xunqueira o vindeiro 11 de xullo coa celebración do Alén Metal Fest, que chega á súa sexta edición consolidado como unha das citas destacadas do xénero en Galicia.
O festival, organizado pola asociación Aínda non vai desta, medra este ano en produción e mantén a súa filosofía de acceso gratuíto.
O cartel estará encabezado pola formación brasileira Nervosa, unha das bandas femininas con maior proxección internacional no metal actual, e polo cantante valenciano Leo Jiménez, considerado unha das voces máis recoñecidas do metal en España.
Completarán a programación Pitch Black, CaboDano e Resurge.
Os concertos desenvolveranse entre as 19:30 e as 01:30 horas, cunha reorganización dos tempos entre actuacións para axilizar o ritmo do evento e reducir as esperas entre bandas.
A organización calcula que asistirán unhas 1.500 persoas.
Durante a presentación, a concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, Sonia Outón, salientou a evolución do festival, que cualificou como unha proposta que, malia a súa curta traxectoria, "non deixa de medrar" ata converterse no segundo evento metal máis importante de Galicia.
Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela destacou o traballo da asociación organizadora, subliñando o seu carácter afeccionado pero cunha execución "a nivel profesional", sen incidencias destacadas nas edicións anteriores.
Desde a organización, Jorge Santos agradeceu o apoio institucional e destacou a capacidade do festival para atraer público doutros puntos, especialmente pola boa acollida do escenario urbano.
Tamén puxo en valor a presenza de Nervosa, grupo con contrato co selo Napalm Records e cunha ampla traxectoria internacional, así como a participación de Leo Jiménez, ligado a bandas como Saratoga, Stravaganzza ou 037.
No caso de Nervosa, trátase dunha formación consolidada no thrash metal moderno, cun son caracterizado por riffs contundentes, base rítmica intensa e presenza escénica enerxética, converténdose nun referente dentro do metal extremo con protagonismo feminino.
Pola súa parte, Leo Jiménez acumula unha longa carreira no metal estatal, tanto en bandas como en proxectos en solitario e colaboracións en producións musicais e teatrais, o que o sitúa como unha das figuras máis versátiles e recoñecidas do xénero en España.