No rueiro de Pontevedra só 26 mulleres lles dan nome ás rúas, fronte a 212 homes

Pontevedra
19 de outubro 2019

Os nomes das rúas forman parte da paisaxe lingüística de vilas e cidades. Son elementos tan cotiáns da vida diaria que quizais por iso a miúdo a información que portan pasa desapercibida. Pero na denominación do espazo público inflúen factores sociais, políticos e históricos. En todos eles profundan este sábado no Museo de Pontevedra catorce especialistas, no marco da IV Xornada de Onomástica Galega

Participantes na IV Xornada de Onomástica galega
Participantes na IV Xornada de Onomástica galega / RAG

Os nomes das rúas forman parte da paisaxe lingüística de vilas e cidades. Son elementos tan cotiáns da vida diaria que quizais por iso a miúdo a información que portan pasa desapercibida. Pero na denominación do espazo público inflúen factores sociais, políticos e históricos. En todos eles profundan este sábado no Museo de Pontevedra catorce especialistas, no marco da IV Xornada de Onomástica Galega.

O encontro está organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o propio museo.

Na cidade de Pontevedra o nomenclátor urbano está composto por 456 hodónimos rexistrados, dos cales 134 fixan ou recuperan os topónimos tradicionais e 238 son conmemorativos onomásticos, segundo expón Conchi Cochón, do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Pontevedra.

Entre os anos 2005 e 2008, en Pontevedra funcionou un grupo de traballo municipal interdepartamental para recuperar toponimia tradicional de fontes escritas, acordar criterios para corrixir a toponimia municipal, galeguizar a que fose necesaria e cambiar as placas das vías.

Xa en 2015, o pleno acordou avanzar na visibilización das mulleres no nomenclátor de vías urbanas, pero primando o criterio do uso da toponimia tradicional, que se vén aplicando desde o ano 2002.

Nestes momentos só 26 mulleres lles dan nome ás rúas, fronte a 212 homes. A diferenza, recoñece Conchi Cochón, é abismal, pero cómpre ter en conta tamén que "o noso espazo público ten nomes propios de seu en perigo de extinción da nosa memoria colectiva".

"Existen moitas maneiras de visibilizar as mulleres e moitos espazos para homenaxealas; ao contrario, a toponimia perde parte do seu sentido se a desvinculamos do lugar de orixe. Recuperarmos e conservarmos a microtoponimia tradicional é un exercicio de memoria, cultura e xustiza", reflexiona.