Noite de intensa actividade cultural en Poio, co Día da Matria Galega e o inicio do Festival Chalaniña

Poio
29 de xullo 2021

O Día da Matria Galega ía celebrarse o venres 23 de xullo, pero adiouse pola mala previsión meteorolóxica. Finalmente celebrouse a partir das nove da noite e incluíu a entrega das bandeiras ás asociacións do municipio de nova creación e a actuación de 'A Banda da Loba'

Día da Matria Galega 2021 en Poio Concello de Poio

A noite do mércores estivo cargada de actividade en Poio. Na mesma xornada, e practicamente á mesma hora, coincidiron o inicio do Festival Chalaniña en Lourido e o Día da Matria Galega nos Xardíns de Rosalía de Castro, actos celebrados no marco das Festas do Verán de Poio e con estritas medidas de seguridade para evitar a expansión da pandemia da covid-19.

O Día da Matria Galega ía celebrarse o venres 23 de xullo, pero adiouse pola mala previsión meteorolóxica. Finalmente celebrouse a partir das nove da noite e incluíu a entrega das bandeiras ás asociacións do municipio de nova creación e a actuación de 'A Banda da Loba'

O Festival Chalaniña deu comezo este mércores 28 de xullo e prolongarase ata o domingo 1 de agosto na contorna da praia de Lourido e do parque de Costa Xiráldez, na parroquia de San Salvador.

Todas as espectáculos do Chalaniña están pensados para un público familiar e o que inaugurou o festival este mércores non ía ser menos. Correu a cargo de Peter Punk, co seu espectáculo Punkdemia.

As actuacións son ás 20.00 horas, con entrada gratuíta ata completar o aforo. Seguiralle Aimar & Cía este xoves 29, o Cirkompacto de Hells Brothers o venres 30 Cía Vaya o sábado 31 e o espectáculo Pajarito - Isolada para pechar o festival o domingo..

O domingo 1 de agosto, ás 21.00 horas, terá lugar no parque de Costa Xiráldez o concerto a cargo do grupo Pelepau. Trátase dunha formación composta por 11 percusionistas, todos eles mestres de música de recoñecida traxectoria profesional. O seu espectáculo baséase na adaptación de cancións populares da tradición galega mediante o uso de percusións e voces.