Nova edición dos Rías Baixas Film Fest con oito citas entre setembro e decembro

Pontevedra
11 de agosto 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este mércores unha nova edición dos Rías Baixas Film Fest que celebrarán entre setembro e decembro e situarán á provincia "como a grande referencia no audiovisual"

Presentación dos Rías Baixas Film Fest
Presentación dos Rías Baixas Film Fest / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este mércores unha nova edición dos Rías Baixas Film Fest que celebrarán entre setembro e decembro e situarán á provincia "como a grande referencia no audiovisual". 

Carmela Silva estivo acompañada nesta presentación por Suso Novás, codirector de Novos Cinemas de Pontevedra, e Teresa Barberena, codirectora do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que deron a coñecer as novidades deste ano, acompañados de representantes de todos os festivais que integran a marca e de integrantes dos gobernos locais de Porriño, Vigo, Bueu, Tui, Vilagarcía e Pontevedra. 

A mandataria provincial salientou que estes festivais contribúen a converter á provincia nunha referencia cultural polo que agradeceu o "inmenso traballo" dos organizadores destes eventos e do persoal da Deputación implicado, os Rías Baixas Film Fest "fan felices á nosa xente, que ten que ser obxectivo prioritario, pero tamén son un motor de atracción de visitantes, de amosar que na nosa provincia hai moito talento, talentazo".

Os Rías Baixas Film Fest comezarán en O Porriño coa celebración do XVIII Festival de Cans entre o 1 e 4 de setembro e continuarán co X Primavera do Cinema, que terá lugar en Vigo do 7 ao 12 de setembro; co XIV FicBueu entre o 10 e 19 de setembro en Bueu; co XVII Play-Doc que terá lugar entre o 22 e 26 de setembro en Tui; co Galician Freaky Film Fest entre o 29 de setembro e 2 de outubro en Vigo; co VI Festival de Cine Inclusivo que terá lugar entre o 12 e 16 de outubro en Vigo; co 49º Curtas Festivais do Imaxinario entre o 22 e 31 de outubro en Vilagarcía; e co VI Novos Cinemas que se celebrará entre o 14 e 19 de decembro en Pontevedra e pechará a edición do 2021 dos Rías Baixas Film Fest.

Neste 2021 a Deputación amais de lanzar por vez primeira nos oito festivais a campaña "Lembra, eu decido, ti respectas", continuará colaborando cos protocolos de seguridade anticovid. Amais incrementará os seus esforzos de promoción a través da campaña específica "Rías Baixas Film Fest, que non che conten a película".

Tamén incorporará a promoción dos festivais na feira Culturgal e durante a celebración dos eventos gravará un audiovisual para promover a marca de cara ao 2022, ano no que terá lugar a acción "En modo cinema", con conversas gravadas en localizacións da provincia e entrevistas realizadas polas directoras e directores dos Rías Baixas Film Fest.