Os Rías Baixas Film Fest avanzan cara a internacionalización neste 2022

Pontevedra
28 de abril 2022

Os oito certames audiovisuais que forman parte desta marca van desenvolverse durante este ano entre os meses de maio e decembro en Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. Este xoves dábase a coñecer o calendario nun acto coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polas persoas responsables da organización destes eventos cinematográficos

Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a presentación dos Rias Baixas Film Fest 2022
Carmela Silva, presidenta da Deputación, durante a presentación dos Rias Baixas Film Fest 2022

A partir deste mes de maio entrante e ata decembro desenvolveranse oito citas cinematográficas e audiovisuais na provincia dentro do proxecto Rías Baixas Film Fest. Carmela Silva, presidenta da Deputación, acompañada polas persoas responsables da organización destes eventos, presentaba o calendario na sede do organismo provincial en Vigo.

A presidenta provincial insistiu en que a través desta marca audiovisual creada seguirán avanzando para converter á provincia nunha gran referencia e anunciaba que ao longo deste 2022 vai poñerse a mirada na internacionalización dos festivais. Destacou que Rías Baixas Film Fest é unha estrutura "potente" e con máis capacidade "reivindicativa" a través dos festivais que se desenvolven en Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

As datas establecidas para as edicións dos oito festivais son as seguintes:

  • 4-8 maio: XVIII edición do Play-Doc de Tui
  • 18-21 maio. XIX Festival de Cans do Porriño
  • 6-11 setembro. XI Primavera do Cinema de Vigo
  • 11-24 setembro. XV FICBueu
  • 23, 24, 28 setembro e 1 de outubro. 5#Galician Freaky Film Fest de Vigo
  • 18-22 outubro. VII Festival de Cinema Inclusivo de Vigo
  • 21-30 outubro. 50º  Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía
  • 13-18 decembro. VII  Novos Cinemas de Pontevedra

 

Carmela Silva lembrou que estes festivais "espectaculares" enchen de vida os municipios e conseguen que a poboación poida ter miradas diferentes. Agradeceu que os Rías Baixas Film Fest aposten por filmes independentes que obrigan a pensar e tomar posición como sociedade fronte ao pensamento único.

Manuel Pena, director do FICBueu, destacou tamén esa diversidade dos oito certames e destacou o traballo das asociacións encargadas da organización. Explicou que estes festivais teñen un labor fundamental desde a formación do público ata a promoción da industria e a confluencia con outras disciplinas artísticas. 

O acto finalizou coa compañía teatral Troula cunha proposta de rodaxe da entrega dun Óscar, facendo partícipe ao público.