O martes 12 de decembro comezará a edición #8 do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que se prolongará ata a xornada do domingo 17 de decembro.
A organización anuncia que nesta edición volverá poñer en marcha o laboratorio de desenvolvemento cinematográfico, que estrea dirección a través de Isona Admetlla, socióloga e xestora cultural, que traballa como docente, consultora e deseñadora de audiencias. É barcelonesa e reside en Berlín participando regularmente en comités de selección de proxectos audiovisuais tanto en España como noutros países europeos.
O equipo de mentores do Novos Cinemas Lab complétase con Marjorie Bendech, Jamie Weiss e Isabel Ivars.
O Festival seleccionou catro proxectos de primeira longametraxe coa intención de impulsar proxectos de cineastas noveis. Os catro proxectos escollidos son 'Backside Ollie' de Bárbara Fernández (España); 'La capital de la semilla' de Tatiana Ivancovich (Arxentina), 'Jurdana', do galego Jacobo Lagüela, e 'Terra Vil”, de Luis Campos (Portugal).
A organización desta cita cultural destaca os máis de 30 proxectos que se tutelaron desde a primeira edición do Festival.
Varias destas propostas cinematográficas xa foron proxectadas ou se estrearán no Teatro Principal na edición deste 2023 con títulos como 'Álbum para la juventud', de Malena Solarz ou '*Á procura da Estrela', de Carlos Martínez-Peñalver.