O Armadiña Rock saca peito do éxito dunha edición con máis de 25.000 espectadores

Pontevedra
28 de agosto 2019

O evento, segundo destacan, "superou as expectativas un ano máis, e xa van once edicións" e insisten en destacar o "comportamento exemplar e máis que destacable" das persoas que participaron neste festival 

Edición 2019 do festival Armadiña Rock ACDeM Armadiña

A organización do festival Armadiña Rock Estrella Galicia, que se celebrou en Combarro durante a pasada fin de semana, acaba de facer balance desta once edición da cita e indica que máis de 25.000 persoas asistiron tanto aos concertos realizados na praza da Chousa e na Rualeira como ás diversas actividades que tiveron lugar por todos os recunchos da vila.

Á hora de facer balance destacan que participou todo tipo de público, desde nenos moi pequenos ata persoas de diferentes idades; xente de Combarro, Poio, o resto de Galicia e outras zonas do Estado, así coma o turismo que se achega habitualmente a Poio. 

Armadiña quere agradecer ás máis de 60 persoas voluntarias que dedicaron o seu tempo libre a traballar arreo e facer posible o bo fin do festival, recoñecemento que fan extensivo ás máis das 160 empresas colaboradoras deste ano, patrocinios, organismos públicos (Concello de Poio, Deputación de Pontevedra), Protección Civil de Poio e especialmente a toda a veciñanza de Combarro, polo seu "apoio permanente". 

O evento, segundo destacan, "superou as expectativas un ano máis, e xa van once edicións" e insisten en destacar o "comportamento exemplar e máis que destacable" das persoas que participaron neste festival.

Así, insisten en que a Policía Local e Protección Civil de Poio só tiveron que facer fronte a unhas "mínimas incidencias", polo que conclúen que foi un festival moi tranquilo en materia de seguridade.

Os organizadores indican que son coñecedores do malestar que puido causar o dispositivo de seguridade nos accesos ao festival e lamentan que isto poida ter un efecto disuasorio de cara a vindeiras edicións. De todas maneiras, queren aclarar que eles non teñen competencia no que se refire a asuntos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.