O Armadiña Rock volve a Combarro o 20 e o 21 de agosto cunha edición centrada en bandas galegas

Poio
18 de xuño 2021

O festival tivo que adiar a súa edición 2020 e neste 2021 regresa cunha cita á que bautizaron #Moitoporsachar e que se centrará nas bandas galegas. A música volverá á Praza da Chousa cun formato adaptado á nova realidade e tendo en conta os protocolos sanitarios correspondentes. De momento, non se deu a coñecer o cartel

Primeira noite de concertos de Armadiña Rock 2019
Primeira noite de concertos de Armadiña Rock 2019 / Diego Torrado

A música en directo está volvendo pouco a pouco despois do parón obrigado pola pandemia da covid-19. Agora é o festival Armadiña Rock de Combarro o que se suma aos eventos que decidiron programar unha edición especial para este ano 2021 marcado polas restricións. Será o 20 e o 21 de agosto.

O festival tivo que adiar a súa edición 2020 e neste 2021 regresa cunha cita á que bautizaron #Moitoporsachar e que se centrará nas bandas galegas.

Segundo a información facilitada pola Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña, a música volverá á Praza da Chousa cun formato adaptado á nova realidade e tendo en conta os protocolos sanitarios correspondentes.

De momento, non se deu a coñecer o cartel, pero desde a organización si que avanzaron que a súa prioridade será ofrecer un espazo de goce musical e cultural ás persoas socias da asociación Armadiña e ao voluntariado que ano tras ano constrúe o evento. 

O público máis novo tamén terá oco na programación, que prevé retomar a esencia do Armadiña Kids con obradoiros e moita música.

O Armadiña Rock conta co apoio do Concello de Poio e está enmarcado dentro da Festa do Mar.

Todas as novidades iranse publicando na páxina web do festival e nas súas redes sociais: 

Instagram 
Twitter
Facebook