O Atlantic Fest xera un impacto de 1,7 millóns de euros na comarca de Arousa

O Salnés
07 de agosto 2019

Na celebración da súa cuarta edición, que tivo lugar  na Illa de Arousa durante os días 26 ao 28 de xullo, o Atlantic Fest xerou un impacto de 1,7 millóns de euros na comarca e un rexistro de máis de 9.000 visitas. O 18% dos asistentes ao festival procedían de fóra de Galicia

Presentación dos resultados do Atlantic Fest 2019 Xunta de Galicia

O Atlantic Fest, que celebrou a súa cuarta edición durante os días 26 ao 28 de xullo na Illa de Arousa, xerou un impacto de 1,7 millóns de euros na comarca, promocionándose como un bo destino turístico e logrando rexistrar máis de 9.000 visitas.

Segundo un estudo de avaliación facilitado pola Xunta de Galicia, que consistiu na realización de enquisas directas aos asistentes, demostrouse que un 18% dos asistentes ao festival procedían de fóra de Galicia.

Segundo informou a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) nun comunicado, tamén se estimou un gasto medio por persoa e día de 80 euros, logrando un retorno de 3'6 euros por cada euro investido polo festival.

Conforme ás enquisas realizadas, a valoración do público asistente a esta edición foi dun 7'6 sobre 10, outorgando puntuacións elevadas ao impacto social. Entre elas destacan a oportunidade que ofrece o festival para coñecer novos grupos de música, mellorar o coñecemento da localidade e atraer o turismo.

Pola súa banda, Jacobo Sutil, director de Agadic e encargado de presentar os datos, explicou a importancia do estudo debido a que contén información moi útil para difundir o valor dos festivais de música como motores culturais, económicos e turísticos de cada comarca.