O cosmopolita Macaco deixa paso á actuación de Luz Casal, pendente da chuvia prevista para esta noite

Pontevedra
12 de agosto 2015

Numeroso público de todas as idades achegáronse na noite deste martes para escoitar as cancións de Macaco, que ofreceu un recital onde mesturou a tradición con estilos máis vangardistas. Esta noite, ás 22.30 horas, Luz Casal subirá ao escenario para facer un repaso a toda a súa carreira musical

Concerto de Macaco nas Festas da Peregrina 2015
Concerto de Macaco nas Festas da Peregrina 2015

Daniel Carbonell, coñecido comercialmente como Macaco, presentou o seu último disco, o oitavo da súa carreira, ante o numeroso público que se congregou na Praza de España durante a noite deste martes. Os temas de "Historias tattooadas" nos que emprega, como é habitual no seu estilo, diferentes ritmos e linguas lograron que os asistentes saltasen, bailasen e se divertisen baixo as pautas que marcaba o músico que por terceira vez ofrecía un concerto nas Festas da Peregrina.

O cantante achegouse en varias ocasións ao público, momento que recollían decenas de teléfonos móbiles mentres o reggae, a rumba e o funk que interpretaba a banda do artista barcelonés inundaban o ambiente.

Esta noite está previsto que a cantante de Boimorto, Luz Casal, ofreza un concerto ás 22.30 horas na Praza de España. Non obstante, MeteoGalicia prevé a presenza de chuvia a partir da tarde. Dende o Concello esperarán, como é habitual nestes casos, ata o último momento para tomar unha decisión sobre se se suspende ou non esta esperada cita dunha das voces máis características do pop/rock español.