O deputado de Cultura agarda que esta semana saian as bases para a escolla da persoa que dirixirá o Museo

Pontevedra
23 de xaneiro 2019

Xosé Leal anunciou que nestas bases vai prestarse especial atención á perspectiva de xénero, á atención aos fondos do Museo e ao plan para a reapertura dos edificios centrais da entidade, que actualmente permanecen pechados

Carlos Valle, ex director do Museo, e o deputado de Cultura, Xosé Leal
Carlos Valle, ex director do Museo, e o deputado de Cultura, Xosé Leal / Mónica Patxot

O persoal técnico da Deputación Provincial está na última fase da redacción das bases para presentar candidaturas para dirixir o Museo Provincial. Xosé Leal, deputado encargado do departamento de Cultura, sinalaba que esta semana ou na última de xaneiro se publicarán os requisitos.

Leal indicou que nestas bases vai atenderse á perspectiva de xénero, á atención que se destine aos fondos do Museo e a un plan para a reapertura dos edificios centrais históricos, que actualmente se atopan pechados.

O deputado aclarou que este proceso de selección da nova dirección da entidade cultural non afectará de maneira importante á actividade prevista para estes primeiros meses do ano. "A programación estaba feita", indicou Leal, que sinalou que a actividade habitual se mantén tanto en clave de funcionamento interno e externo.

Sobre as críticas realizadas polo anterior director Carlos Valle que, por xubilación, se vía obrigado a deixar o cargo tras 32 anos ao fronte do Museo, Xosé Leal non quixo entrar nun debate sobre as formas denunciadas por Valle. O ex director lamentou que lle dixeran o último día que non lle prorrogaba no cargo. O responsable de Cultura afirmou que a figura de Carlos Valle tivo e segue tendo importancia na cultura galega. "Falar de declaracións non procede e queremos destacar a súa figura porque boa parte dos éxitos do Museo foron baixo a súa xestión", sentenciou Leal.