O exterior do templo antigo de Marín acollerá este xoves a homenaxe a Caballé e Pavarotti

Marín
28 de agosto 2024

O recital, organizado por OperaConcert, contará coa presenza da neta de Pavarotti e da filla de Caballé

Recital 'Querida Montserrat, Querido Luciano' no Mosteiro de San Xoán en Poio

A Deputación remata este xoves en Marín o percorrido do espectáculo lírico 'Querida Montserrat, Querido Luciano' na provincia de Pontevedra. 

Organizada pola compañía OperaConcert, e co obxectivo de poñer en convivencia a música de ópera co patrimonio pontevedrés, nesta actividade participan familiares dos artistas homenaxeados: Montserrat Martí Caballé, filla da soprano española, e Simona Todaro Pavarotti, neta do tenor italiano. 

A actuación celebrarase este xoves 30 de agosto ás 21:00 horas no exterior da Igrexa de Santa María do Porto (Templo antigo) de Marín, con entrada libre ata completar aforo.

É a primeira vez na historia da música que se lle rende unha homenaxe a estes dous grandes artistas unidos polo canto, cuxas voces resoaron nos mellores teatros do mundo: desde Sídney ata Roma, desde París a Nova York. 

No espectáculo que chega á provincia a través da institución provincial tamén participan o barítono Luis Santana, a soprano lixeira María Dolores Crespo Abuín e o pianista Victor Carbajo. 

O espectáculo inclúe un repertorio da canción e a ópera italiana en recordo de Luciano Pavarotti, así como arias de ópera, canción española e zarzuela por Montserrat Caballé, con títulos como 'O mío babbino caro', 'Ave María', 'O Sole Mio' ou 'Nessun Dorma'.

A xira de 'Querida Montserrat, Querido Luciano' pola provincia da man da Deputación remata así, tras pasar por espazos emblemáticos dos concellos de Poio (no Mosteiro de San Xoán) e O Porriño (na Praza do Concello) cun grande éxito de público.