O Festival de Curtametraxes de Bueu comeza este luns con películas de tres continentes

Bueu
06 de setembro 2015

O profesor Salvador Castro convidou a "disfrutar das novelas e das películas sen ter que comparalas" na charla sobre cine e literatura ofrecida antes do inicio do FICBUEU 2015

Charla de Salvador Castro no FICBUEU 2015 Alba Sotelo/FICBUEU

A oitava edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) comeza este luns 7 de setembro coa proxección dunha fita galega e outras catro de Europa, América e Asia. Será o arranque para un certame que ofrecerá dous pases diarios no Centro Social do Mar de Bueu ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada gratuíta.

As actividades relacionadas co FICBUEU 2015 iniciáronse coa charla de Salvador Castro que explorou as relacións entre o cine e a literatura preguntándose se sempre é mellor o libro. Segundo este profesor, o público debe gozar das novelas e das películas sen necesidade de comparalas. O contido da conferencia ofrecida este domingo pódese recuperar en Twitter a través da etiqueta #peliselibros.

As proxeccións da sección oficial arrancan este luns coa curtametraxe 'Ser e voltar', unha mestura entre documental e ficción de Xacio Baño. A continuación ofrecerase unha fita alemá, a nacionalidade con máis representación na edición deste ano, seguida por traballos procedentes de Xeorxia, Valencia e Irán.

O martes 8 proxectaranse outros cinco títulos dos 28 que concorren a este certame. Será o mércores cando se poidan ver dramas europeos. As sesións finalizarán o sábado, día en que finalizará o festival coa entrega de premios e a festa de clausura.